publicidade hoxe

A Secretaría Xeral dá comezo ao trámite administrativo para a creación da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de iniciar o trámite de participación cidadá que debe desenvolver con carácter previo á elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe. Deste xeito, a través desta consulta pública dase cumprimento ao establecido no artigo 133 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo que obriga a compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a creación desta ferramenta que outorgue a Comunidade Autónoma de Galicia os instrumentos necesarios para acabar con calquera situación referida ao consumo de substancias prohibidas no deporte a través dunha adaptación dos criterios da Axencia Mundial Antidopaxe (AMA) e da Axencia Española para a protección da Saúde no Deporte (AEPSAD). Grazas á Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, poderanse levar a cabo tamén políticas de prevención e información sobre o consumo destas substancias prexudiciais para a saúde dos deportistas. A comisión será multidisciplinar e nela estarán representados todos os axentes da saúde e do deporte de Galicia.

En vindeiras datas prevese celebrar unha reunión con representantes da Axencia Española para a protección da Saúde no Deporte, AEPSAD, e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para continuar avanzando no desenvolvemento desta Comisión.

Lei 3/2012

O título VIII da Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, establece a actuación autonómica de prevención e de loita contra a dopaxe no deporte. O artigo 130 di que a “a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe é un órgano administrativo, adscrito ao órgano autonómico competente na materia deportiva, ao que se lle atribúen as competencias en materia de defensa da saúde do deportista e de prevención e control da dopaxe no ámbito da Comunidade Autónoma” e establece as súas funcións.

Coa creación da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, a Xunta dará cumprimento a esta previsión normativa da Lei e terá o seu propio órgano de acción destinado a loita contra a dopaxe no deporte.

28 de xuño de 2017 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.