publicidade hoxe

A mostra da Deputación de Pontevedra “Sorrisos transformadores” chega ás Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedra
A-
A+

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acompañada polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, inaugurará este venres 16 de xuño na Casa da Xuventude, ás 11:30 horas, a mostra “Sorrisos Transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS. A continuación, a presidenta da Asociación ARELAS, Cristina Palacios, ofrecerá unha charla na que afondará sobre esta cuestión, dirixida ao alumnado e profesorado do IES Pazo da Mercé que tamén participará no acto. A mostra estará aberta ao público todas as tardes de 16:00 a 21:00 horas.

“Sorrisos Transformadores” é unha exposición itinerante que acaba de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista da imaxe ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son por exemplo especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.

14 de xuño de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.