publicidade hoxe

A gala de final de curso do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación volve un ano máis ao Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O Teatro Colón volve abrir as súas portas coa gala de fin e Curso do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación e co XX Certame de Teatro Escolar e Afeccionado Candilexas, dúas actividades que cada ano se desenvolven no espazo escénico da Deputación da Coruña. A Deputación da Coruña cumpre así o seu compromiso de abrir o centro cultural en xuño unha vez rematado o período preceptivo de posta a punto no traspaso a xestión pública.

O xoves 22 de xuño ás 18.30 o Teatro Colón abrirase como cada ano para acoller a primeira función do Festival de Fin de Curso do Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña coa representación da obra “O Café da Estación”. Arredor de 130 alumnos e alumnas do centro participan no espectáculo que se ven celebrando no Teatro Colón de maneira continuada desde a remodelación do edificio en 2002 e xa antes do proceso de restauración. Á gala de fin de curso asistirá a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Dous días despois, o 24 de xuño, Teatro Colón acollerá a gala final Certame de Teatro Escolar e Afeccionado que chega a súa vixésima edición. O encontro, organizado polo grupo “Candilexas Don Bosco” e patrocinado pola Deputación da Coruña.

En dúas sesións que terán lugar o día 24 de xuño ás 17:00 horas par categorías benxamín-infantil e ás 20.30 horas para categorías cadete-xuvenil e senior entregaranse os premios aos grupos gañadores e diplomas a todas as persoas participantes nun certame en que se puxeron en escena un total de 120 obras de teatro preparadas por 82 centros educativos e agrupacións de teatro de toda Galiza coas que subiron as táboas un total 1.631 actrices e actores.

A Deputación da Coruña vén de asumir así neste mes de xuño, como estaba previsto, a xestión do Teatro Colón, unha vez rematou o contrato de xestión privada coa UTE encabezada pola empresa Eulen. Trátase, segundo xa se anunciou, dun período transitorio que se abre despois de que o Concello da Coruña confirmase a súa dispoñibilidade a aceptar a cesión do espazo cultural en 2018.
Unha vez que se resolveron os concursos de prestación de servizos necesarios para garantir o funcionamento do Teatro, a Deputación da Coruña reserva para si a xestión directa do espazo e a decisión sobre a programación do centro, unha proposta que se presentará proximamente xunto coa persoa responsábel da coordinación do Colón.

Segundo se indicaba nos propios pregos do concurso, as liñas de traballo a desenvolver no Teatro encamiñábanse á programación propia, cesión a entidades sen ánimo de lucro e cesión a compañías e artistas profesionais.

A Deputación da Coruña cumpre desta maneira cos prazos establecidos para o traspaso e volve abrir o teatro ao rematar o mes que a lei reserva para a súa recepción administrativa ao finalizar o contrato coa empresa privada.

Como cada ano, o fin de curso do Conservatorio de Danza e o Certame Candilexas regresa a un Teatro Colón que en breve anunciará as novidades da súa programación.

19 de xuño de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.