publicidade hoxe

A Fundación Galicia Europa priorizará a definición e xestión das consecuencias do Brexit en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Alfonso Rueda na reunión do padroado en Bruxelas

Alfonso Rueda na reunión do padroado en Bruxelas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá en Bruxelas na reunión semestral do Padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), un encontro que tivo lugar de maneira excepcional en Bruxelas nun momento no que se están discutindo na capital comunitaria grandes temas que marcarán o futuro de Europa como o Brexit ou o futuro da política de cohesión.

Precisamente, a Fundación Galicia Europa priorizará este ano a xestión da afectación do Brexit a Galicia, tal e como se puxo de manifesto na xuntanza de hoxe. De feito, a FGE coordina xa o grupo de traballo específico das rexións do Arco Atlántico sobre o impacto do Brexit nesta zona do continente, especialmente no ámbito da pesca.

Ademais, serán outros temas prioritarios a inminente negociación do novo período dos fondos de cohesión, para o que Galicia defende unha política de cohesión forte e para todas as rexións, con suficientes recursos e certo grao de flexibilidade; así como o proxecto do Corredor Atlántico, para seguir avanzando na conectividade entre todas as rexións da Unión Europea.

Durante a reunión, o vicepresidente da Xunta aproveitou a ocasión para subliñar o labor que realiza a FGE, que dende hai case 30 anos promove unha relación máis próxima e proactiva entre Galicia e Europa, non só coa Xunta senón tamén coas entidades públicas e privadas galegas que integran o seu Padroado.

Reunións de alto nivel en Bruxelas

Os membros do Padroado da Fundación reuníronse tamén cos eurodeputados galegos no Parlamento Europeo Francisco Millán e José Blanco, que compartiron a súa experiencia na primeira liña do panorama comunitario.

Os patróns tiveron tamén un encontro co Embaixador Representante Permanente de España ante a UE, Pablo García-Berdoy, cuxo apoio pode servir para deseñar unha liña de actuación para Galicia acorde ás nosas expectativas en Europa. Nestas reunións participaron ademais por parte da Xunta representantes das consellerías de Economía e Industria, do Medio Rural e do Mar.

A Fundación Galicia Europa

A FGE ten o mandato pola Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado.

No que vai de ano, a Fundación prestou apoio á presenza da nosa comunidade no Comité Europeo das Rexións (CdR), que aprobou por unanimidade en febreiro un ditame galego sobre o novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento. Ademais, no contexto das negociacións da PAC despois de 2020, os membros da comisión Recursos Naturais (NAT) do CdR foron convidados polo director xeral Jesús Gamallo a unha visita de estudo á nosa comunidade o pasado 14 de xuño. A FGE tamén deu cobertura á visita do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a Bruxelas. Núñez Feijóo abordou co director xeral de Asuntos marítimos e pesqueiros da Comisión Europea, Joâo Aguiar Machado, os retos de futuro da pesca galega, facéndolle entrega do informe “A retirada de Reino Unido da UE e as súas posibles consecuencias para o sector pesqueiro galego”.

Ademais, a Fundación fai un seguimento detallado de políticas relevantes para Galicia, que este ano viran en torno ao futuro da política de cohesión – como exemplo a conselleira do Mar está a participar nestas mesmas datas como representante española no VII Foro de Cohesión da Unión Europea-, a revisión do Mecanismo Conectar Europa en transporte e o Brexit.

Por outra banda, a FGE mantén o seu obxectivo de fomentar o debate e formar en asuntos europeos. Neste sentido participou, en coordinación coa Vicepresidencia da Xunta, na organización de dous eventos en Santiago de Compostela sobre o futuro de Europa, prioridade deste 2017: un diálogo cidadán con Miguel Arias Cañete, comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, e Alberto Núñez Feijóo; e un debate aberto entre Alfonso Rueda e Stefano Sannino, embaixador de Italia en España en 2016, acerca da situación de Europa. Hai que ter en conta que a maior parte dos recursos asignados a este obxectivo destínanse a financiar as 6 bolsas de formación para mozos galegos nas oficinas da FGE de Santiago e Bruxelas. O compromiso da FGE coa formación permitiu que nos 29 anos da súa existencia máis de 400 persoas coñecesen máis de preto a UE a través das súas bolsas de formación.

27 de xuño de 2017 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.