publicidade hoxe

A Escola de Igualdade María Vinyals acolle en Soutomaior ás maiores expertas e expertos en violencia machista de todo o estado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaior
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurará este xoves ás 9:30 horas, a xornada “Miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero” na que expertas e expertos en violencia machista da talla de Miguel Lorente, Nuria Varela, Teresa Peramato, Luz Martínez, Pilar Aguilar e Mª Paz Filgueira debaterán sobre violencia de xénero, misoxinia, repostas xurídicas, educación en igualdade, cine e amor romántico e lexislación relativa á muller e aos menores.

“Miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero”, promovida pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, afronta un dos temas máis dolorosos e difíciles da desigualdade: a violencia contra as mulleres. Para elo, a institución provincial preparou unha completa xornada composta de conferencias e obradoiros interactivos dirixidos a persoal técnico da Administración local, profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e persoas interesadas nesta problemática.

A primeira conferencia da xornada terá lugar ás 10:00 horas, a cargo de Miguel Lorente. Lorente, ex delegado do goberno para a Violencia de Xénero, profesor titular de Medicina Legal, director da Unidade de Igualdade da Universidade de Granada, e un dos principais referentes nesta materia, quen falará sobre o que agocha a violencia de xénero.

Ás 12:00 horas, a xornalista e escritora Nuria Varela, cun master en Estudos Interdisciplinares de Xénero e en Xénero e Políticas de Igualdade entre Mulleres e Homes, ofrecerá unha conferencia centrada na nova misoxinia.

A última das ponencias da mañá, a cargo de Teresa Peramato, fiscala adscrita á Fiscalía de Sala de Violencia sobre a Muller na Fiscalía Xeral do Estado, falará sobre a resposta xurídica á violencia de xénero e a súa evolución e os antigos e novos retos ao respecto.

Xa pola tarde, terán lugar tres obradoiros simultáneos entre as 16:00 e as 19:00 horas nos que se falará de educación en igualdade, amor romántico e cine e lexislación sobre protección integral e a súa aplicación polos tribunais españois. Trátanse de obradoiros que seguen unha metodoloxía máis interactiva, permitindo o diálogo e a reflexión, co obxectivo de converterse en espazos de encontro e intercambio de experiencias.

O obradoiro de Luz Martínez Ten, secretaria de muller e políticas sociais da FESP-UXT, experta en educación en igualdade, centrarase no papel da educación en igualdade para previr a violencia de xénero. Máis polo miúdo, abordaranse cuestións como o papel das relacións afectivas na adolescencia e na xuventude, a aprendizaxe do amor, a diferenza entre amor romántico e amor-paixón, ensinar a amar nos bos tratos, etc.

Pola súa banda, Pilar Aguilar, ensaísta, investigadora, analista e crítica de cine e televisión, falará sobre o amor romántico e o cine, facendo fincapé nas persoas protagonistas dos relatos, na vivencia de aventuras ou de amor, en como analizar relatos de ficción audiovisual facendo visible o invisible, en prácticas de análise e na misoxinia audiovisual.

No caso do obradoiro de Mª Paz Filgueira Paz, maxistrada do xulgado de violencia sobre a muller de Vigo, centrarase na Lei Orgánica 1/2004 de Protección Integral e a súa aplicación polos Tribunais Españois, analizando o papel da muller e dos menores. Neste caso, o contido do obradoiro versará sobre a Lei de protección integral e as súas sucesivas reformas, o Tribunal Supremo en interpretación de Lei de protección integral, a normativa comparada na materia e resolucións da Unión Europea de obrigada aplicación, e o tratamento sobre a violencia na Unión Europea, unha visión comparativa entre os distintos estados membros e especial referencia ás campañas institucionais.

14 de xuño de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.