publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra inviste 350.000 euros en instalar elementos de calmado de tráfico do plan Móvese e pintar as estradas provinciais da área de Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRedondela
A-
A+

A Deputación de Pontevedra comezará de xeito inminente actuacións de calmado de tráfico e de sinalización horizontal en 21 estradas de titularidade provincial nos concellos de Redondela, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Soutomaior. Así o explicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen presentou hoxe en Redondela o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) e subliñou que o investimento na zona para esta iniciativa, xunto coa actuación de pintado de estradas, ascenderá a 344.868,09 euros.

O responsable das vías provinciais explicou aos diferentes alcaldes e concelleiros de Redondela, Pazos, Fornelos e Soutomaior que a intención da Deputación é “dar unha resposta á problemática da seguranza viaria cunha filosofía diferente á de gobernos anteriores”. O nacionalista asegurou que o actual executivo da Deputación aposta polos elementos físicos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados –PPS- ou lombos e redutores físicos –RFVV-) e destacou que está demostrado que a instalación de radares, sinais ou a imposición de multas non son efectivas á hora para baixar a velocidade do tráfico na realidade: “é preciso instalar redutores físicos que obriguen aos condutores a ir máis amodo. Con menos velocidade as consecuencias dos accidentes son menores”, argumentou.

Benítez sinalou que as características do territorio na provincia de Pontevedra, na que hai un continuo de vivendas ao longo das estradas e, por tanto, de cidadáns que camiñan por elas de xeito continuo, fai que a solución adoptada para evitar a violencia viaria sexa moi específica. “A provincia de Pontevedra, en concreto a franxa Atlántica, é moi diferente a Castela, onde non hai casas entre núcleo e núcleo e, por tanto, non hai tanta mobilidade peonil. No caso da provincia de Pontevedra poderíanse deseñar estradas con espazos segregados e separar coches de ciclistas e peóns, pero a realidade é que os cartos públicos son limitados e non se poden facer beirarrúas e sendas en todas as estradas da provincia. Na Deputación tiñamos que atacar a situación desde outra perspectiva e deseñamos o Plan Móvese”, defendeu.

No caso dos catro concellos da área de Redondela o investimento global do Plan Móvese é de 263.986,69 euros, cos que se instalarán un total de 48 elementos de calmado de tráfico: 32 pasos de peóns sobreelevados e 16 redutores físicos de velocidade. A maiores, o investimento en pintado horizontal será de 80.881,40 euros.

Por concellos, no de Pazos de Borbén instalaranse dous pasos de peóns sobreelevados (PPS), ademais de pintar 35,8 quilómetros de sinalización horizontal. As actuacións realizaranse en seis das estradas provinciais do municipio: EP-2701 Pazos-Hermida; EP-2702 Amoedo-Os Valos; EP-2703 Pazos-Ponteareas; EP-2704 Sequeiros-Cuartos de Borbén; EP-2705 Pazos-Borbén e EP-2708 Arcade-Amoedo.

En Fornelos de Montes construiranse once PPS, dous redutores de velocidad e pintaranse tres vías provinciais, mentres que en As Neves instalaranse 11 PPS e 5 RV e pintaranse 15,7 quilómetros de marcas viarias en cinco estradas: a EP-2801 Fornelos-Estacas, EP-2802 de acceso a Calvos, EP-2803 Fornelos-Fertín, EP-2804 Pazos-Borbén e a EP-0302, compartida co Concello de A Lama.

En Redondela instalaranse once PPS, 10 redutores de velocidade e pintaranse 47,9 quilómetros de sinalización horizontal nas oito estradas provinciais coas que conta o municipio: a EP-2900 Redondela-Ventosela, EP-2901 Cesantes-Viso-Alxán, EP-2902 de acceso a Peneda, EP-2903 Redondela-Catapeixe, EP-2904 Redondela-A Portela, EP-2905 de acceso a Arealonga, EP-2906 Os Valos-Guizán e EP-2907 Redondela-Cepeda.

En Soutomaior as actuacións consistirán na instalación de oito PPS e catro redutores, así como 44,3 quilómetros de sinalización horizontal en tres estradas provinciais: a EP-2908 entre Arcade-Amoedo, EP-2909 Arcade Viso e na compartida con Redondela 2901 Cesantes-Viso-Alxán.

Uxío Benítez lembrou que as actuacións do Plan Móvese foron solicitadas no seu día polos concellos, tendo en conta o seu coñecemento directo do territorio de cada municipio, e foron supervisadas tanto polos técnicos locais como polos provinciais. Recibíronse en toda a provincia máis de un milleiro de peticións, das que algunhas foron rexeitadas por non solicitar realmente elementos físicos de calmado de tráfico ou porque están en previsión actuacións integrais que xa incorporan os PPS e RV nos proxectos. Aqueles concellos que desbotaron a posibilidade de instalar os redutores físicos nas estradas provinciais quedaron fóra do plan.

As obras de instalación dos lombos e da sinalización horizontal serán inminentes. Nos últimos días, técnicos provinciais e persoal das empresas adxudicatarias xa mantiveron contactos cos concellos para realizar os replantexamentos das actuacións.

O deputado Benítez quixo destacar que esta primeira edición do Plan Movese está a ser un “éxito” e que a Deputación abrirá unha segunda convocatoria do Plan Móvese, que se porá en marcha despois do verán, polo que pediu aos rexedores que fagan un estudo de novas necesidades.

29 de xuño de 2017 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.