publicidade hoxe

A Deputación de Lugo acada en Ribas de Sil un investimento de 2 millóns de euros en impulso dos servizos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibas de Sil
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, informou este xoves que o Goberno Provincial acada un investimento de 2 millóns de euros en impulso dos servizos públicos deste municipio do Sur, tendo en conta as actuacións levadas no último ano e medio. Campos Conde fixo referencia á residencia e centro de día público, que está en plena execución con 1,2 millóns de euros; ás melloras en vías de comunicación e dotacións públicas finalizadas, así como á prestación de servizos públicos, todo isto con 600.000 do orzamento de 2016; ademais das novas actuacións que se porán con máis de 200.000 do presuposto deste ano e a través do Plan Único da Deputación en todos os Concellos da provincia.

Campos Conde e Sotuela Vega supervisaron as obras de construción da residencia e centro de día público cuxos traballos están en plena execución, coa previsión de rematalos nos vindeiros meses para, posteriormente, adquirir o mobiliario e solicitar a licencia de apertura imprescindible á Xunta de Galicia. O Goberno da Deputación achega só á construción 1,2 millóns de euros, pois logo asumirá o equipamento. O Concello de Ribas de Sil colabora con 200.000 euros e a cesión dos terreos.

Este centro para a terceira idade sitúase na Rúa Hermanos Pedrosa de San Clodio, en plena capitalidade do Concello, o que facilitará aos maiores a súa relación cos seus veciños, ao tempo que contribuirá á dinamización da económica local do municipio. Ofrecerá 30 prazas de residencia e 11 no centro de día.

Máis atención a maiores

Simultaneamente á execución da residencia e centro de día, o Goberno da Deputación executou en Ribas de Sil un investimento de 600.000 euros do orzamento de 2016, mellorando e ofrecendo servizos públicos as veciños deste municipio.

No eido social, destaca a atención profesional a 35 maiores que a Xunta non atende ao non estar catalogados como dependentes. O Executivo Provincial faino a través do Servizo a Domicilio a persoas non dependentes e da Teleasistencia gratuíta, que asume na súa totalidade con 25.000 euros. Son 19 os veciños de Ribas de Sil que contan co tamén chamado SAF e 16 coa Teleasistencia.

Emprego

A prestación do Servizo a Domicilio a non dependentes supón a contratación de persoas para a atención dos maiores. É, polo tanto, unha prestación que conleva a xeración de emprego en Ribas de Sil. Ao respecto do emprego, o Executivo Provincial creou 4 novos postos de traballo neste Concello. Son os profesionais que incrementaron o servizo de mantemento de servizos municipais grazas ao DepuEmprego 2016. O Goberno da Deputación asume os custos laborais destes traballadores con 32.220 euros. O Presidente xunto ao Alcalde mantiveron hoxe un encontro con estes profesionais.

Melloras en dotacións públicas

Campos Conde e Sotuela Vega supervisaron as melloras levadas a cabo no Centro Médico e no Consistorio con 16.000 euros, que achegou o Executivo da Deputación. Consistiron na instalación dun novo sistema de calefacción, que é capaz de subministrar calor a ambas os dous edificios públicos, moi frecuentados polos veciños, mellorando, ademais, este servizo, aforrando custos e respectando o medio ambiente. Permitirá reducir nuns 4.000 euros ao ano estes custos correntes, que asume o Concello.

Con outros 18.000 euros, o Goberno Provincial financiou a mellora da traída de auga en Viardonas, poñendo fin aos problemas no subministro pola baixa presión.

Infraestruturas

O Presidente e o Alcalde comprobaron o resultado das obras finalizadas en vías de comunicación con case 420.000 euros, que achegou o Goberno da Deputación. Leváronse a cabo melloras en 7 quilómetros da LU-P-5303, de San Clodio por Torbeo, con 360.000 euros de dita cantidade. Trátase da vía que une Ribas de Sil coa provincia de Ourense ou cos Canóns do Sil, rexistrando abundante tránsito. Outras das melloras executadas foron, con 20.000 euros, a da pavimentación de Figueirido, que beneficia directamente ás 25 familias deste núcleo, así como aos produtores de cereixa que se concentran na zona; ou o arranxo, con outros 20.000 euros, de rúas en San Pedro, que é a segunda entidade de poboación de Ribas de Sil, pois residen 80 familias.

Máis de 200.000 euros

Xunto a ditos investimentos, realizados durante o último ano e medio, o Goberno da Deputación achega agora outros 217.000 euros do actual presuposto e a través do Plan Único aos veciños de Ribas de Sil para continuar coa mellora e dotación de prestacións públicas, así como o impulso do emprego, servizos sociais e sectores produtivos, como o turismo. Neste eido, destaca un dos proxecto que se financia con dita programación.

Trátase da construción dun cámping municipal, que se vai habilitar preto da ponte sobre o Río Sil e da área recreativa, unha das zonas máis visitadas deste municipio da Ribeira Sacra. Estará dividido en tres áreas diferentes: unha zona de acampada, outra para caravanas e unha última zona de bungalós. Unhas 100 persoas poderán aproveitar esta infraestrutura. Campos Conde e Sotuela Vega achegáronse hoxe á parcela onde se situará o cámping. A previsión é iniciar as obras antes de finalizar o ano. Agora mesmo, están redactando o proxecto. O presuposto destes traballos é de 96.600 euros por parte da Deputación co Plan Único e de 329.000 euros de fondos propios do Concello.

15 de xuño de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.