publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Medio Ambiente disporá dun punto de información na feira internacional da Semana Verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dará a coñecer o patrimonio natural de Galicia mediante un programa de actividades lúdico-didácticas que se desenvolverán durante a celebración da Feira multisectorial de carácter internacional da Semana Verde de Silleda. Deste xeito, o departamento autonómico quere convidar a pequenos e maiores a facer un percorrido virtual polos parques naturais da Comunidade e outros espazos imán co obxectivo da súa posta en valor como núcleos de diversidade e soporte vital. Para iso, a Consellería instalará, dentro do recinto feiral, un punto de información, que permanecerá aberto ao público desde o xoves, 8 de xuño, ata o vindeiro domingo.

Trátase, polo tanto, dun amplo programa de actividades de educación ambiental e divulgación da riqueza natural e paisaxística de Galicia, dirixido tanto a escolares como ao público en xeral, que permitirá realizar unha viaxe simulada por aqueles espazos identificados no Plan de promoción e posta en valor do Patrimonio Natural de Galicia como imán, pola súa capacidade de atraer visitantes e aproveitar as sinerxías entre os enclaves; entre os que se atopan os parques naturais de Galicia, co fin de favorecer o seu coñecemento e recoñecemento.

Así, ademais da posibilidade de inmortalizar esta viaxe no photocall que estará instalado no stand da Consellería de Medio Ambiente durante a celebración da Semana Verde, pequenos e adultos poderán practicar, en colaboración da Federación Galega de Caza, o tiro con arco e gozar dunha experiencia astronómica mediante a visualización in situ das imaxes espectaculares dos ceos nocturnos de Galicia grazas ás posibilidades que neste senso ofrece o Parque Nacional das Illas Atlánticas, considerado Destino Turístico Starlight.

Obradoiros sobre conservación e terapia canina

Tamén haberá obradoiros para coñecer as peculiaridades dos cetáceos e as aves mariñas e o papel fundamental dos bosques na conservación dos ecosistemas. Igualmente, desenvolveranse outras actividades como artesanía en palla e terapia canina, que contará coa presenza de Octavio Villaza e o seu can palleiro Fusco e amosará os beneficios sociais, psicolóxicos e comunicativos que supón o coidado e o benestar dos animais de compañía.

Estas actividades darán comezo o vindeiro xoves 8 de xuño coa visita de 200 alumnos de Educación Primaria de cinco centros educativos de Galicia, entre os que destacan o CEIP Ramón Valenzuela da Bandeira, o CEIP de Silleda e o CEIP Rubiáns de Vilagarcía, que están a colaborar con esta Consellería a través do Programa Proxecta.

Do mesmo xeito, ata o stand e Medio Ambiente, que estará instalado no recinto feiral de Silleda desde o vindeiro xoves ata o domingo, se achegarán 25 nenos e nenas de Aldeas Infantís de Galicia e 25 alumnos do centro Cogami-Deza cos que se realizará un obradoiro especial denominado ‘Pegadas de animais’.

6 de xuño de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.