publicidade hoxe

A Consellería de Educación apoia a investigación supragrupal do SUG como fórmula para liderar no eido internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, lembrou esta mañá o apoio e compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa investigación de referencia representada nas entidades supragrupais como son os centros singulares de investigación e as agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Con motivo da inauguración das Xornadas sobre organización e xestión de Centros de Investigación de universidades e institucións públicas: Retos e tendencias, o representante da Consellería explicou que o seu departamento puxo en marcha en 2016 un programa para recoñecer ás mellores estruturas de investigación e garantirlles un financiamento estable ata 2020, co obxectivo último de reforzar a súa posición de liderado a nivel internacional. Froito da primeira convocatoria deste programa distinguíronse cinco centros singulares de investigación (o CIQUS e CIMUS da Universidade de Santiago; o CINBIO e o ECIMAT da Universidade de Vigo; e o CITIC da Universidade da Coruña), así como dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CITIUS da USC e AtlantTIC da UVigo).

Todas elas, segundo trasladou Díez de Castro, “deben adaptar o seu funcionamento para abordar os novos retos aos que se enfrontan, adaptando as súas estruturas de xestión e funcionamento no seo das universidades que as albergan”. Precisamente, a xornada que se celebra entre hoxe e mañá no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña (UDC) está orientada a reflexionar sobre os actuais modelos de xestión dos centros de investigación, sobre os marcos de relación xurídica coas institucións públicas das que dependen e sobre a estreita interacción entre o mundo académico e o sector produtivo.

Organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da UDC, en conxunto coa Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a propia universidade coruñesa, o evento contará con tres mesas temáticas de debate, así como coa presenza expertos, profesionais e personalidades de renome no ámbito da investigación universitaria.

Por exemplo, esta xuntanza congregará a representantes de consellerías e centros tecnolóxicos doutras comunidades como Madrid, Barcelona ou Alicante, e tamén de Portugal. Tamén estará presente a responsable de división de Coordinación, Avaliación e Seguimento Científico e Técnico da Axencia Estatal de Investigación, Pilar López García; o científico titular do CSIC, Javier Rey Campos; membros do sector empresarial e os directores e directoras dos cinco centros singulares de investigación e mais das dúas agrupacións estratéxicas consolidadas, así como o responsable do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, entre outros asistentes.

Documento común de conclusións

Ao longo de dous días organizaranse tres mesas de debate das que se intentará obter recomendacións para a organización e xestión dos centros de investigación, co obxectivo último de reforzar o seu papel como elementos tractores da investigación universitaria e nexos de unión cos sectores produtivos e as necesidades da sociedade.

Ao finalizar as xornadas elaborarase un documento de conclusións e suxestións para a organización e xestión dos centros en todos os ámbitos tratados nas mesas temáticas: os modelos actuais, a forma xurídica destes espazos e a gobernanza do I+D+i e da valoración dos seus resultados.

15 de xuño de 2017 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.