publicidade hoxe

A Conselleira do Mar destaca o labor de eficiencia enerxética e de innovación do porto de Vigo a través do plan ‘Blue Growth’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rosa Quintana na clausura da conferencia

Rosa Quintana na clausura da conferencia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o labor de eficiencia enerxética e de innovación desenvolvido polo porto de Vigo a través da estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth, unha filosofía da política marítima europea que en Galicia lidera este porto co obxectivo de que sirva de modelo para outros. Fíxoo hoxe en Vigo na clausura da III Conferencia Green Energy Ports, na que estivo acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga.

A titular de Mar felicitou ao porto de Vigo por ser un dos tres españois que dispoñen da categoría de Green Port, xunto a Valencia e Castellón e sinalou que o balance do seu plan Blue Growth “ata o momento é positivo”. De feito, explicou, abarca un total de 48 proxectos que se dividen nas áreas de competitividade e desenvolvemento socioeconómico, innovación tecnolóxica e sustentabilidade. É nesta última área na que destacan proxectos caracterizados polo uso de enerxías renovables, a modernización da actividade marisqueira e a recuperación do patrimonio marítimo, entre outros.

Neste sentido, a conselleira do Mar puxo como exemplo algunhas das iniciativas nas que traballa Galicia a través do plan do porto de Vigo. Entre eles destacou o proxecto Tutatis, que pretende lograr a autosuficiencia enerxética das illas Cíes mediante a creación dun modelo sustentable de aproveitamento dos recursos naturais para cubrir a demanda de enerxía e auga.

Outro proxecto que salientou Rosa Quintana é o Effivessel, que consiste no deseño de buques que cumpran cos requisitos de automatización e dixitalización, permitindo aos mariñeiros estar máis conectados en terra coas súas familias. Ademais mellora as súas condicións de habitabilidade e seguridade e a protección do medio ambiente. Tamén puxo como exemplo a iniciativa denominada Sephora, enfocada a incrementar a porcentaxe de autosuficiencia de enerxía renovable na contorna das instalacións portuarias.

Por outra banda, Rosa Quintana, subliñou a importancia doutro proxecto desenvolvido polo porto de Vigo con tecnoloxía 100% galega e denominado Green Port Energy Center. Este sistema permite que os buques poidan apagar os seus motores mentres permanecen atracados no porto, o que reduce o gasto de combustible e de emisións de CO2.

Todo este traballo, incidiu a titular de Mar, demostra que as infraestruturas dos portos de Galicia están “preparadas para os novos combustibles, adaptadas ante novas demandas de enerxía e vixiantes para que a pegada de carbono sexa a mínima posible”. De feito, engadiu, o sistema portuario galego “caracterízase por ser un modelo de competitividade, eficiencia e sustentabilidade en todas as súas actividades, instalacións e servizos e polo seu compromiso co medio ambiente”. Ademais, engadiu, “centra a maioría dos seus esforzos na eficiencia enerxética, na innovación e no uso de enerxías limpas nos buques.

Tamén destacou o papel fundamental dos portos como “infraestruturas de transporte de mercadorías ou pasaxeiros e infraestruturas de comunicación que se relacionan directamente coas cidades que as acollen”. De aí, que a “mellora das tecnoloxías nas dotacións das instalacións portuarias sexa unha constante do Goberno da Xunta”, explicou Rosa Quintana. Neste sentido, destacou que os portos “son espazos nos que se move unha grande parte da vida social e económica de Galicia” e “para buscar o beneficio mutuo do porto, dos seus usuarios, da cidade e dos seus veciños debemos obter solucións que permitan minimizar o uso de recursos naturais ao longo do seu ciclo de vida”.

Green Ports

Os Green Ports son aqueles portos que desempeñan a súa actividade tendo en conta non só o ámbito económico, senón tamén os ámbitos ambiental e social. Realizan a súa actividade causando o mínimo impacto, aportando medidas de mellora e control da calidade do aire, auga, ruídos e residuos. É dicir, de forma sustentable.

A Green Energy Ports Conference é a gran cita da sustentabilidade enerxética no ámbito marítimo-portuario. Empezou o 27 de xuño e remata hoxe e nestes tres días analizáronse as últimas tendencias en materia enerxética aplicada a portos, coñecendo de primeira man proxectos piloto e experiencias nacionais e internacionais.

29 de xuño de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.