publicidade hoxe

A comunidade galega contará cunha comisión de control da violencia para dar cobertura ás denuncias nas competicións deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaNoia
A-
A+
Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2017

Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2017

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe que a creación da Comisión Galega de Control da Violencia dará cobertura ás denuncias que se produzan nas competicións locais e autonómicas, co obxectivo de combater a violencia en todas as súas dimensións no ámbito deportivo.

Durante o acto de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2017, Feijóo destacou o deporte como un dos maiores instrumentos de integración e cohesión social e referiuse aos galardoados como un orgullo de Galicia.

Ao respecto, enxalzou a traxectoria de deportistas como Alfonso González Alonso, Raimundo Fernández ou dos irmáns Centeno, que participaron nos Xogos Olímpicos de Barcelona, ou de Margarita Dans ou Nela Souto, que non o puideron facer, pero que xa lle abriran camiño ao deporte galego nas décadas anteriores.

Así mesmo, recordou a precursoras como Cristina Fernández Piñeiro, a primeira muller en arbitrar un partido da Liga Asobal; como Lourdes Domínguez Lino, que entrou no top 50 do tenis mundial cando ningunha galega o fixera antes; ou como Fina Castiñeira, que xa xogaba ao baloncesto no Lugo da posguerra.

Agora que se cumpre medio século do primeiro partido de fútbol feminino en Galicia, Feijóo expuxo a necesidade de facer un recoñecemento a todas aquelas mulleres, moitas delas anónimas, que deron un paso á fronte para demostrar que o deporte non discrimina. “Grazas, pola vosa valentía”, aseverou, facendo unha mención especial a Chelo Vara, “que tanto fixo polas súas alumnas e polo voleibol galego”.

Xunto a ela, o presidente da Xunta resaltou outros “heroes cotiáns como Félix Villares, Alexander Kachelaev, o Padre Simón ou Manuel Conde que axudaron a dignificar o deporte escolar e as categorías inferiores para abrirlles o espazo que merecen na nosa sociedade”.

Nese esforzo por educar en valores a través da actividade física tamén recoñeceu o labor de institucións como o Real Club de Tenis da Coruña, que conta coa escola de formación máis grande de Galicia, ou o Club Natación Pabellón, tras 45 anos organizando o Trofeo Pedro Escudero.

“A xestión de clubs como estes, tantas veces exemplar malia a escaseza de recursos, lémbranos a importancia do compromiso de persoas como Ramón Díaz Zapatería, Manuel González Pombo ou Francisco Araújo e José Manuel Lázaro —que xa non se atopan entre nós—, sen os cales a halterofilia, o fútbol, o baloncesto ou o hóckey non serían o que son na nosa terra”, engadiu.

Nesta mesma liña, subliñou a humildade que hai tamén nos grandes equipos con xente como Juan Ángel Barros Barritos, “que sobrevive a pé de campo ao cambio de xogadores e presidentes desde hai un cuarto de século, competindo en capacidade de resistencia con Javier González Rodríguez, Manuel Cruces ou o noiés Matito, para quen a vontade pode máis que os anos”.

Feijóo afirmou que, xunto a eles, outros grandes deportistas xa retirados, como Marta Alastrué, Guillermo Fernández Duarte ou Manuel Ríos Manolete, demostraron coas súas xestas que en Galicia non hai disciplina que se dea mal. “De aí que entre os premiados tampouco poidan faltar representantes do balonmán, como Pablo Permuy, e do piragüismo, popularizado a través de competicións como os descensos do Eume, o Miño e o Sil”, aseverou, recordando tamén a traxectoria de Ramón Tasende.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención reiterando o agradecemento a todos os galardoados “polo voso exemplo”.

8 de xuño de 2017 | 20:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.