publicidade hoxe

A Capela de Santa María acolle os 6 obradoiros sobre o encaixe do PalillAD

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, mantivo este martes un encontro na Capela de Santa María cos participantes nun dos 6 obradoiros sobre o encaixe e as súas posibilidades. É unha das actividades, totalmente gratuítas, do PalillAD, o programa co que o Goberno da Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, pon en valor o labor das palilleiras e contribúe á dinamización social e económica da provincia.

Os 6 obradoiros, impartidos pola galega Milagros Vázquez e nos que participarán 36 persoas versan sobre a iniciación ao encaixe, nivel medio e perfeccionamento das técnicas de encaixe moderno, remate, fío máxico, encaixe ruso e cinta. Os cursos están dirixidos a palilleiras e persoas que queiran iniciarse na disciplina do encaixe. Terán lugar os días 22 e 29 de xuño e 6, 13 e 20 de xullo na Capela de Santa María en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Exposición

A mostra do PalillAD amosa como se mestura o arte de palillar coa moda e a decoración. A mostra conta con 19 pezas, como traxes de cerimonia ou lámpadas, todas elas elaboradas por profesionais galegos, que incorporaron aos seus traballos o encaixe de palilleiras de Lugo e A Coruña. A exposición, de entrada gratuíta, estará aberta ata o 25 de xullo. É unha das actividades do programa co que o Goberno da Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, pon en valor o labor das palilleiras, na procura da promoción deste arte tradicional como único dinamizador para a economía da provincia.

A exposición acolle pezas de Franco Quintáns, deseñador e modisto de traxes de noiva, cerimonia e festa, procedente de Vilagarcía de Arousa; Ana Miguéns, deseñadora de complementos de decoración, tamén de Vilagarcía de Arousa; e Pilar Cupeiro, artista lucense multidisciplinar, especializada na elaboración de luminarias. Estes profesionais incorporaron aos seus traballos o encaixe de 4 palilleiras das provincias de Lugo e A Coruña. Son Marisa Hermida, Milagros Vázquez, Ana María Aneiros e Mª Dolores Vázquez.

O horario da mostra será de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00

20 de xuño de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.