publicidade hoxe

Un cento de rapaces do CEIP Froebel aproveitan as prazas de Pontevedra para xogar no primeiro ‘Roteiro Tonucci’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Roteiro Tonucci

Roteiro Tonucci

Con gorras vermellas co lema ‘Cidade d@s nen@s. Perdoen as molestias, estamos a xogar para vostedes’, un cento de rapaces e rapazas de 1º a 4º de Primaria participaron hoxe no primeiro ‘roteiro Tonucci’ organizado pola Deputación de Pontevedra. Esta actividade, complementaria á exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ que se está a desenvolver no Pazo da Cultura, pretende ser unha maneira de que pequenos e pequenas de diferentes vilas da provincia gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade dos nenos e das nenas polo o pedagogo italiano, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.

A xornada comezou no Pazo provincial da man do vicepresidente Mosquera que, acompañado dos deputados Xosé Leal e Eva Vilaverde e da concelleira de Cultura Carmen Fouces, deu a benvida a pequenas e pequenos, aos que explicou que os políticos da cidade de Pontevedra tomaron a decisión de retirar os coches das rúas para que os nenos e nenas poidan xogar con tranquilidade. “Agardamos que moitas vilas sigan o exemplo e a pasalo ben!”, animounos. E dende entón, o grupo non tivo parada.

A compañía de teatro Migallas empezou entón a súa particular ‘función interactiva’ cos nenos e nenas que, a modo de xincana, percorreron as prazas da cidade buscando pistas, xogando, bailando e cantando ata chegar á Praza da Pedreira. A primeira parada foi a estatua dos Heroes de Pontesampaio, na Praza de España. Alí, os monitores lembraron que antes pasaban por esa praza miles de coches… “e agora celébranse as festas da Peregrina”, dixeron. A primeira proba? Pois bailar e cantar como se fosen as festas: de dous en dous, de catro en catro, de oito en oito, de dezaseis en dezaseis…

Despois tocou descansar, e sentados todos á sombra, os escolares celebraron un pequeno ‘consello dos nenos’ como o que propón Francesco Tonucci para que pequenos e pequenas aporten a súa visión da cidade e colaboren co alcalde no seu deseño. Nesta ocasión as peticións para Fernández Lores foron claras, e chegaron da man de Sofía, Roque, Iria e Martín: aínda máis sitios para xogar, máis zonas verdes, menos contaminación e máis poder de decisión para pequenos e pequenas e poder facer as cousas que lles gustan.

A seguinte praza ‘invadida’ polos nenos e nenas do CEIP Froebel foi a de Santa María. Alí correron para xogar a pillar, xogaron á roda do lobo, volveron bailar e cantar… Todo sempre con música de fondo. As adiviñas leváronos ata o cruceiro das Cinco Rúas e despois ata a praza de Méndez Núñez, onde despois de recoller unha pista na Casa dos Paraugas (unha cesta con ovos) acertaron como se chamaba antes a praza -pola actividade que nela se realizaba-: a praza das galiñas.

A xornada de mañá rematou pouco antes das dúas da tarde na Praza da Pedreira onde, divididos en grupos, os pequenos e pequenas realizaron diferentes xogos tradicionais: peletre, birlos, chave, corda, caixas, barquiños de papel… Xa pola tarde, o grupo de 100 escolares visitou a exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ que está no Pazo da Cultura. Alí coñeceron as viñetas máis significativas de Francesco Tonucci e participaron en obradoiros de bicicleta, construcións, xogos e natureza realizando moitos experimentos e actividades.

Está previsto que nas vindeiras semanas participen tamén dos roteiros Tonucci da Deputación escolares de Lalín, O Porriño, Pontevedra, Tomiño, Vilanova de Arousa, As Neves e Tui, entre outras localidades. Todos eles súmanse aos visitantes da exposición do Pazo da Cultura, que estará aberta ata o 11 de xuño con visitas concertadas con centros escolares e tamén permite o acceso de xeito gratuíto todos os días da semana a toda a cidadanía. A mostra é unha compilación de viñetas de Frato e un grande (1.500 metros cadrados) campo de xogos e experimentación para os e as máis pequenos.

8 de maio de 2017 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.