publicidade hoxe

Sométese a información pública o proxecto de construción da senda peonil e ciclista entre Vilariño e o Polígono do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o Concello de Ribadumia, onde destacou que a Xunta inicia hoxe o procedemento polo que se somete a información pública o proxecto do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-300, no treito entre Vilariño e o polígono do Salnés.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este anuncio no que se establece un prazo para a presentación de alegacións que vai dende o 8 de maio ata o 20 de xuño. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información: goo.gl/95ERNa

A execución deste itinerario forma parte do Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, co obxectivo fundamental de favorecer unha mobilidade segura e sustentable. Esta actuación, cun investimento que supera os 340.000 euros, será cofinanciada polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A actuación consiste na execución dunha senda de algo máis dun quilómetro para uso de peóns e de ciclistas na marxe dereita da estrada PO-300, nos Concellos de Ribadumia e Cambados.

Francisco Menéndez explicou que a senda se inicia no Pq. 9+310 da PO-300, onde se atopa a primeira intersección de acceso ao polígono industrial do Salnés e desenvolverase pola marxe dereita da estrada ata conectar coas beirarrúas existentes en Sameiro (Pq. 10+270) e Vilariño. Precisou que esta infraestrutura permitirá completar un itinerario peonil continuo desde o polígono industrial do Salnés ata Cambados.

A sección tipo da senda contará con 3 metros de ancho e separarase da calzada por medio dunha banda axardinada de 0,5 metros, e os correspondentes bordos de separación.

A obra incluirá a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios e a colocación da canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.

5 de maio de 2017 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.