publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Santiago inaugura novo proxecto literario, SELIC, a Semana do Libro de Compostela

Presentación de SELIC

Presentación de SELIC

A praza da Quintana acollerá, do 2 ao 11 de xuño, a primeira Semana do Libro de Compostela, SELIC, impulsada polo Concello de Santiago en colaboración co propio sector. O alcalde presentou hoxe esta cita, “que nace coa intención de amosar o enorme potencial editorial e literario da capital galega”, nun acto no Salón Vermello do Pazo de Raxoi no que estivo acompañado por David Cortizo, de Urco Editora, e Loaira Martínez, da libraría Ciranda.

O alcalde explicou que a SELIC nace “a partir da constitución da Mesa do Libro de Santiago, na que se constatou que ten que ser o propio sector o que consensúe un gran evento que dignifique e promocione o mundo do libro”. Grazas a este consenso, xa está confirmada a participación de máis dunha trintena de librarías e editoras de Compostela. Martiño Noriega insistiu en que a Semana do Libro nace “con vocación de común denominador e non de competición, sen querer competir con outras iniciativas ao redor do libre, e buscando novos vieiros que obrigue ao sector a poñerse de acordo sobre como quere proxectarse na cidade”.

David Cortizo, de Urco Editora, agradeceu que “o Concello escoitara as peticións formuladas ao abeiro da Mesa do Libro, porque iso foi o que posibilitou que se puxera en marcha esta iniciativa”. Segundo explicou, “a SELIC xorde do sector, é un modelo de feira que ten en conta as necesidades e as características das librarías e editoras de Compostela”. Na mesma liña, Loaira Martínez, da libraría Ciranda, recoñeceu que “a Semana do Libro está a ser un desafío, porque obrigou a editoriais e librarías a coñecerse e a poñer en común as súas demandas”, e mostrouse convencida de que “esta cita fomentará a unión do sector do libro e conseguirá a súa dinamización”.

Exposición

A día de hoxe teñen confirmada a súa participación na primeira edición da SELIC un total de 32 librarías e editoriais de Galicia, moitas delas radicadas en Santiago. Todas elas deberán definir previamente os seus espazos expositivos, co obxectivo de evitar coincidencias entre os postos e garantir a maior diversidade posible na SELIC. Ademais, as editoras deberanse limitar a expor os seus propios fondos ou aqueles que garden especial relación coa súa liña editorial, e que procedan de fóra do ámbito galego. Pola súa parte, as librarías non especializadas deberán expor un mínimo do 50% de libro en galego.

Actividades

A Semana do Libro de Compostela contará con espazos diferenciados para desenvolver exposicións de libros, presentacións, grupos de traballo e actividades infantís. Tamén se prevén, ao abeiro da SELIC, a organización de obradoiros e rutas e de sesións musicais.

A exposición será do 2 ao 11 de xuño, en horario de mañá nos días da semana, e en horario de mañá e tarde nas fins de semana.

18 de maio de 2017 | 17:11 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario