publicidade hoxe

Pontecesures renova a rede de saneamento nas rúas Ullán e ensanche coa subvención de Compensación Ambiental de Vicepresidencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesures
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, visitou esta mañá este concello co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvención de Fondo de Compensación Ambiental Competitiva e que permitiron a renovación da rede de saneamento nas rúas Ullán e Ensanche.

Grazas a estas axudas, o concello de Pontecesures puido levar a cabo a renovación dunha tubaxe da rede de saneamento de pluviais na rúa do Ensanche, así como nun pequeno tramo da rede de residuais. Na rúa Ullán, cambiouse un tubo da rede de sanemaneto de residuais.

Os traballos tiveron un orzamento de case 40.000 euros, dos cales 32.000 procederon da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

No primeiro tramo da rúa Ullán, que é a que vai entre a avenida de Vigo e a rúa Portarraxoi, existía un tubo de formigón da rede de saneamento en mal estado que sufriu varias roturas, o que provocou a súa deformación en varios puntos, provocando fugas e avarías. Na rúa do Ensanche renovouse un tramo da tubaxe de pluviais en formigón que tamén presentaba roturas e afundimentos, coas conseguintes fochas.

A nova orde de axudas xa foi publicada o pasado mes de xaneiro, e en total, a Xunta de Galicia destina aos concellos galegos un total de 11 millóns de euros en dos liñas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico, que ten unha cuantía global de 7,7 millóns. Pola súa banda, á liña competitiva, na que se atopou o ano pasado o proxecto visitado hoxe en Pontecesures, puideron optar a totalidade das entidades locais galegas que contan con proxectos medioambientais axustados á convocatoria, cun orzamento de 3,2 millóns de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

2 de maio de 2017 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.