publicidade hoxe

Os novos autores galegos protagonizan a Feira do Libro de Bos Aires

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Charlas, mesas redondas e presentacións de libros dan a coñecer estes días, e ata o vindeiro 15 de maio, o libro e os autores galegos na cuadraxésimo terceira edición da Feira do Libro de Bos Aires, unha das citas máis importantes para o sector editorial en América latina.

A Secretaría Xeral de Cultura, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras, promove estas actividades de proxección exterior da literatura galega, da man de Antón Riveiro Coello, Inma López Silva, Andrea Maceiras, Luís G. Tosar e do booktuber Sebastián G. Mouret.

Excelente acollida do público máis novo

A sala Alfonsina Storni, unha das máis concorridas nas actividades do recinto feiral, quedou onte pequena para acoller o público de xente nova que acudiu a escoitar o booktuber Sebastián García Mouret e a escritora Andrea Maceiras, moderados polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, na que analizaron, en diálogo co público, as características dos novos lectores e autores. Ao finalizar o acto, os autores galegos asinaron autógrafos e compartiron conversa cos seguidores arxentinos.

Ademais desta mesa redonda, o escritor Antón Riveiro Coello ofreceu unha charla sobre a construción da memoria na escrita, no stand de Galicia, presentado pola subdirectora xeral de Bibliotecas de Galicia, Cristina Rubal.

Ampliar o fondo galego da Biblioteca Cortázar

O secretario xeral de Cultura do Goberno galego, Anxo Lorenzo, mantivo unha xuntanza co director do libro, bibliotecas e promoción da lectura do Gobierno de Bos Aires, Javier Martínez, co fin de intercambiar información e analizar posibilidades de proxección da literatura galega no ámbito arxentino. O director do libro do goberno porteño manifestoulle, así mesmo, o seu interese en manter un novo encontro en Galicia, o vindeiro mes de outubro, para coñecer de primeira man as actividades e modalidades de traballo das bibliotecas públicas galegas.

Tras a xuntanza, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixo entrega dunha trintena de novidades editoriais galegas na Biblioteca Julio Cortázar, que alberga, desde o ano 2010, o espazo Rosalía de Castro dedicado á literatura en galego. Estes novos títulos pasarán a estar dispoñibles na colección de acceso directo desta biblioteca pública especializada en narrativa moderna.

Actividades galegas ata o remate do evento

Os autores e editores galegos continuarán nos vindeiros días coas programacións de actividades no marco deste encontro arxentino: o mércores, todos na mesa redonda Escribir en Galicia hoxe e mañá, e o booktuber Sebastián G. Mouret, nunha charla sobre as novas formas de lectura, en relación con internet. Ademais o xoves o propio Mouret manterá un diálogo co público sobre a rede como espazo de promoción da cultura.

Tamén o xoves, Inma López Silva e Antón Riveiro presentarán as súas obras Aqueles días en que eramos malas e Laura no deserto, respectivamente. A xornada complétase coa conferencia Xavier Bóveda, a aventura dun poeta galego ultraísta en Bos Aires, a cargo de Luís G. Tosar e o académico arxentino Antonio Requeni, emoderada polo presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure.

Na fin de semana, a programación da feira contará, o venres 12, coa presentación de Europa Express, de Andrea Maceiras, e de Maternosofía, de Inma López Silva, que estará acompañada polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro. As actividades de Galicia na feira continuarán o sábado 13 coa participación de Mouret no Encontro Booktubers.

Un encontro de referencia

Cunha superficie de máis de 45.000 metros cadrados, esta cita co libro na capital arxentina recibe a visita de máis dun millón de lectores e lectoras, e de máis de 12.000 profesionais do libro durante as súas case tres semanas de duración.

Galicia conta desde a primeira edición cun espazo nesta feira, promovido desde hai anos pola Xunta de Galicia, que pon ao dispor das editoriais e dos escritores un stand para a difusión do libro e da literatura galega, así como para a realización de diversas actividades.

A presenza na feira de Bos Aires enmárcase na acción de goberno de favorecer a internacionalización do sector editorial de Galicia. En 2017, ademais da asistencia á de Boloña e á de Bos Aires, Galicia terá protagonismo nos encontros de Frankfurt, do 11 ao 15 de outubro, e de Guadalaxara (México), do 25 de novembro ao 3 de decembro, así como de Liber, (Madrid), do 4 ao 6 de outubro.

10 de maio de 2017 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.