publicidade hoxe

Os locais de hostalería da zona histórica de Santiago estrean un servizo de recollida de vidro porta a porta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe un novo servizo para a recollida de envases de vidro porta a porta, que se porá en marcha o próximo luns nos locais de hostalería da zona histórica. Xan Duro estivo acompañado na rolda de prensa polo xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández.

O obxectivo deste servizo, no que colaboran Ecovidrio e o Concello de Santiago, é “facilitar a recollida selectiva e aumentar a reciclaxe do vidro”. Tal e como explicou o concelleiro de Medio Ambiente, “deste xeito conseguiremos importantes aforros económicos e un salientable beneficio para o medio ambiente”. Pola súa banda, o xerente de Ecovidrio en Galicia lembrou que “os establecementos de hostalería xeran o 50% dos residuos totais de vidro”.

Máis de 200 establecementos implicados

Na campaña van participar 221 establecementos de hostalería da zona vella de Compostela, que disporán deste servizo de recollida porta a porta dun xeito totalmente gratuíto.

Despois de ter feito unha enquisa persoal aos hostaleiros, Ecovidrio porá ao seu dispor un total de 280 contedores que lles permitirá ir almacenando o vidro no seu local. Despois, serán operarios dunha empresa contratada por esta entidade os que se encarguen de retirar ese vidro. Farano cunha frecuencia determinada, que se irá adaptando en función das necesidades de cada negocio.

O servizo de recollida de vidro porta a porta farase de luns a sábado, en horario continuo, e con rutas que se adaptarán ao tipo de actividade de cada establecemento participante.

Premios para os establecementos máis implicados

Os hostaleiros que demostren unha participación activa na campaña entrarán directamente nun sorteo mensual dunha fin de semana en hoteis-balneario, un Pack Experiencias ou similar. Haberá premios para dous locais.

Ao mesmo tempo, o persoal de Ecovidrio fará visitas periódicas aos establecementos participantes nesta campaña para coñecer o grao de satisfacción. Este seguimento durará tres meses, e ao seu remate, en torno ao mes de setembro, presentaranse os resultados cuantitativos da campaña.

Reciclado de vidro en Santiago

Segundo os datos facilitados por Ecovidrio, en 2016 recicláronse en Santiago 1.560.000 quilogramos de envases de vidro. Iso supón que cada veciño ou veciña reciclou case 16,3 quilos de vidro, que equivalen a 62 envases por persoa. No conxunto do municipio contamos con 366 contedores para a recollida selectiva de vidro, cifra que supón un contedor por cada 262 habitantes.

Ecovidrio garante que a totalidade do vidro que recupera tanto nos contedores como no servizo de recollida porta a porta é reciclado para fabricar novos envases, logrando así numerosos beneficios para o medio ambiente e para o conxunto da sociedade.

16 de maio de 2017 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.