publicidade hoxe

O Teatro Rosalía da Coruña recibe o CDG para dúas funcións de ‘Martes de Carnaval’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O Centro Dramático Galego (CDG) representa esta fin de semana na Coruña o seu espectáculo Martes de Carnaval, que ofrece por primeira vez en galego os esperpentos de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán. O Teatro Rosalía Castro ofrece dúas funcións o venres 2 e o sábado 3 de xuño, ás 20,30 h., do espectáculo dirixido pola creadora pontevedresa Marta Pazos e interpretado por un elenco de 10 actores e actrices.

Tanto a súa directora como o actor Sergio Zearreta, quen –entre outros personaxes– lle dá vida a Juanito Ventoleira en As galas do defunto, interviñeron hoxe na presentación destes pases na Coruña xunto con Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento.

Sutil, quen enmarcou estas representacións na liña de colaboración que a Agadic e o Teatro Rosalía desenvolven en múltiples iniciativas escénicas, fixo fincapé na importancia que para a cultura galega ten a incorporación ao repertorio teatral no noso idioma destes textos de Valle-Inclán tras o paso ao dominio público do seu legado.

Esforzo interpretativo

Subliñou, así mesmo, o magnífico e moi esixente traballo que realiza todo o elenco, no que, ademais de Sergio Zearreta, figuran Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e María Roja para poñer en escena os máis de 30 personaxes que suman os dous textos de Martes de Carnaval.

Referiuse tamén ao destacado equipo artístico que, xunto con Marta Pazos e o cadro técnico do CDG, se implicou no proceso de produción dun espectáculo composto por dúas pezas diferentes, pero que en ambos casos reflicten a vixencia temática e simbólica dos esperpentos de Valle-Inclán, así como a súa valentía e risco á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.

A primeira delas, As galas do defunto, está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

A partir de dúas aproximacións estéticas diferentes, a proposta de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo a poética e o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal.

Venda de entradas

As entradas para as representacións deste venres e sábado na Coruña están xa á venda no web de Ticketea, no teléfono 902 044 226 e no despacho de billetes central da praza de Ourense (ata o venres, de 9,00 a 22,00 horas). No Teatro Rosalía poderán adquirirse os días das funcións, de 16,00 a 20,00 h.

A xira de Martes de Carnaval, que xa recalou en Tui, O Barco de Valdeorras e Ourense, continuará en Rianxo (día 9 no Auditorio Municipal), Valencia (día 11 no Teatre Principal, dentro do Festival Tercera Setmana), Pontevedra (día 15 no Auditorio Afundación) e Vigo (día 22 no Teatro Afundación).

Ademais, e tras unha primeira estadía no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago, onde se estreou o pasado 20 de abril, o espectáculo regresará a Compostela o 28 de xuño para a súa última quenda de representacións ata o 16 de xullo.

30 de maio de 2017 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.