publicidade hoxe

O rexedor de Portas analiza con Cores Tourís os avances na concentración parcelaria de Briallos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortas
A-
A+
Cores Tourís na reunión co alcalde de Portas

Cores Tourís na reunión co alcalde de Portas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo un encontro esta mañá no seu despacho co alcalde de Portas, Víctor Estévez, co obxectivo de analizar os avances na concentración parcelaria de Briallos.

A concentración parcelaria de Briallos atópase en fase de bases definitivas, afectando a unha superficie total de 302 hectáreas, con 633 propietarios que contan con 3.123 parcelas. A súa superficie é agrícola nun 45,31% e forestal nun 54,69%.

Segundo lle informou o delegado territorial ao alcalde de Portas, nestes intres estase a executar o plan de reestruturación parcelaria do 2017, no que está previsto investir a nivel provincial 12,5 millóns de euros nas 38 zonas abertas.

No caso de Briallos, os traballos suporán un orzamento de 65.000 euros e permitirán a execución de estudos xeotécnicos de cimentación, colocación de marcos, redacción dos proxectos dos camiños secundarios e de acondicionamentos de predios, así como a execución do estudo ambiental e do estudo de impacto cultural.

A maiores, nos últimos meses, leváronse a cabo obras de mellora nos camiños rurais desta concentración a través do Proxecto de Camiños en Zonas de Reestruturación Parcelaria da Consellería de Medio Rural, por un montante total de 162.000 euros. Ademais, tamén se se están a resolver e informar os 64 recursos presentados polos propietarios ás bases definitivas co obxectivo de que cando estea lista a firmeza de bases se poida realizar o acordo que permita establecer as novas fincas de reemprazo.

Deste xeito, o seguinte paso será a realización do acordo de reestruturación parcelaria, que suporá un investimento de 45.076 euros, e que podería estar rematado a finais deste ano o a comezos do próximo.

Neste concello tamén se está a executar a parcelaria de Romai, que se atopa na mesma fase, e que conta cunha extensión de 420 hectáreas, 1.005 propietarios e 6.019 fincas.

11 de maio de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.