publicidade hoxe

O Pleno debaterá na sesión de maio a xestión do servizo da ORA e do guindastre por Tussa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O alcalde anunciou este luns que o grupo de Goberno levará ao pleno do mes de maio a proposta para que Tussa se encargue da xestión do servizo da ORA e do guindastre. Martiño Noriega explicou que a decisión está amparada pola Asesoría Xurídica do Concello, que entende que “a aprobación inicial deste acordo non suporía adoptar ningunha decisión irreversible”.

A proposta que irá ao Pleno da Corporación inclúe un punto que especifica que a decisión definitiva sobre a resolución das suxestións e reclamacións e, se é o caso, sobre a asunción da xestión directa dos servizos da ORA e do guindastre a través de Tussa, adoptaranse tras a resolución que dite o xulgado no incidente de execución da sentenza que lle afecta ao caso. Este incidente de execución foi promovido pola empresa Doal a finais de xaneiro de 2017, por entender que a sentenza que anulou a concesión (en outubro de 2015), debera convertela na adxudicataria do servizo por ser a segunda clasificada.

O alcalde explicou que, de ser o caso, a aprobación inicial da xestión da ORA e o guindastre por parte de Tussa “tería que ser sometida a exposición pública durante o prazo dun mes, de xeito que o máis probable é que o xulgado se pronuncie sobre a reclamación de Doal antes de que o acordo teña que volver ao Pleno para a súa aprobación definitiva”. Martiño Noriega insistiu en que “non gañamos nada aprazando o debate da Corporación, e despois de tantos meses de traballo é o momento de que o pleno se posicione”. O rexedor indicou que, se o xuíz considera que hai outra empresa que se ten que facer cargo do servizo, “o Goberno respectará esa decisión”.

A determinación de levar a Pleno esta proposta está avalada polos servizos xurídicos, que non viron risco en seguir avanzando no proceso administrativo á espera dunha resolución xudicial. O alcalde reiterou que “estamos diante dun proceso garantista, pero que non é pacífico, porque todos asumimos que na municipalización deste servizo estase xogando a doutros”.

8 de maio de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.