publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Plan de dinamización do galego na xuventude será a principal acción en prol do seu uso cotiá polos máis novos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou hoxe no Parlamento o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2017-2020 como a principal acción que o seu departamento ten previsto desenvolver no futuro máis próximo para fomentar o uso da lingua propia de Galicia entre os máis novos. Neste sentido lembrou que esta iniciativa está promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pero busca a participación activa e o compromiso de todas as administracións e entidades públicas e organizacións sociais que interveñen no ámbito da mocidade, tales como o conxunto da Xunta, a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, entre outras.

Tal e como explicou o conselleiro, a iniciativa toma como referencia o Plan xeral de normalización da lingua galega, centrándose no seu sector 2, que conta cunha área dedicada á mocidade, e diríxese a mozas e mozos cunha idade comprendida entre os 14 e os 35 anos. O obxectivo é crear neste colectivo actitudes positivas cara á lingua propia de Galicia e poñer en valor a renovación do compromiso da ampliación dos usos do galego na sociedade, partindo da firme crenza de que a nosa lingua é útil en todos os eidos.

Deste xeito, búscase favorecer a utilización da lingua galega nas súas relacións interpersoais e naqueles ámbitos nos que se desenvolve a súa vida cotiá, tales como as redes sociais, as novas tecnoloxías ou as actividades de emprendemento; buscando a implicación dos diferentes sectores da sociedade (nais e pais, escola, universidade, tecido económico, medios de comunicación…) para promover accións tendentes ao uso cotiá do galego.

Implicación e fases

Asemade, outro dos principais obxectivos do Plan é fomentar o neofalantismo e apoiar a implicación directa dos colectivos sociais, as asociacións xuvenís, deportivas, culturais etc., os centros educativos, as empresas e, en xeral, de todas as persoas que decidiron libremente utilizar o galego como lingua habitual.

Segundo explicou Román Rodríguez, o Plan elaborarase en varias fases, comezando pola creación dunha comisión técnica de apoio ao seu desenvolvemento e a redacción dunha versión inicial, que se enriquecerá coas achegas das entidades que colaboren no proceso de participación, a través doutra comisión.

Unha vez se elabore unha versión consolidada do Plan, presentarase aos grupos parlamentarios, completarase e validarase antes da súa aprobación definitiva.

A lingua, de todos

O conselleiro quixo chamar a todos os grupos á colaboración, lembrando que a lingua é un dos maiores tesouros culturais do pobo galego, patrimonio de todas e todos os cidadáns de Galicia. “Temos que construír espazos de afecto e utilidade para facerlla atractiva ás novas xeracións. Nesa construción debemos estar todas as forzas políticas, tal e como tamén indica o Plan Xeral de Normalización Lingüística ou como apelaba Carlos Casares, a quen celebramos este ano nas Letras Galegas e que foi un exemplar ‘construtor de pontes’ para a busca de acordos entre a tolerancia e o consenso”.

Así mesmo, lembrou que “a mocidade nin percibe nin quere que haxa conflito lingüístico ningún”, e que Galicia ten o maior nivel de competencias das linguas cooficiais do Estado, e das máis altas da Unión Europea. Non en balde, entende a lingua propia o 98%, sabe falala o 97,1%, lela o 97,4% e escribila o 83,3%. “Nunca na historia da lingua galega se deron estes niveis de coñecemento”, afirmou.

10 de maio de 2017 | 19:55 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario