publicidade hoxe

O Museo de Pontevedra acolle a primeira mostra antolóxica do artista Luis Caruncho

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

“Caruncho, sempre” é o título da exposición antolóxica sobre o artista pontevedrés Luis Caruncho que mañá se inaugura no Sexto Edificio –ás 20 horas- e que poderá visitarse ata o vindeiro 9 de xullo. Esta mañá foi presentada en rolda de prensa polo comisario Miguel Fernández Cid, a viúva o artista, Tatiana Ribic, o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Segundo explicou o director do Museo, Carlos Valle, esta exposición fora inicialmente concibida como unha mostra retrospectiva pero tras o falecemento do artista en outubro, foi replantexada para converterse na primeira antolóxica. O propio comisario encargado da proposta expositiva aludiu á responsabilidade de acometer esta primeira antolóxica asegurando que “esta exposición é unha exposición moi perigosa, porque se se enfoca mal pode dar lugar a unha época de silencio”. Miguel Fernández Cid insistiu en que “Luis Caruncho é un artista mal coñecido, non pouco coñecido porque si é moi coñecido como artista, pero non a súa evolución”, polo que fixo especial fincapé en salientar o sentido da escolla das obras que se poderán ver nesta cita. Segundo explicou, a mostra arranca desde as súas primeiras obras, das que destacou “un autorretato de cando o artista tiña 19 anos, e que como veredes, se pinta máis maior do que en realidade era”, ata as últimas obras, datadas só dous anos antes do seu falecemento. Tamén destacou que ofrece a oportunidade de poder ver obras pouco coñecidas, ou ben porque son da colección particular do artista, ou porque non se viron máis que na primeira exposición, ou porque se venderon e saíron fóra e foron recuperadas para esta ocasión”.

O comisario tamén fixo un pequeno repaso pola traxectoria de Luis Caruncho, de cuxa obra salientou que está moi apegada ao campo do construtivismo. Lembrou que foi un artista que comezou a expoñer tarde, e ao comezo vinculado a proxectos arquitectónicos, cunha clara vocación mural. Tamén fixo referencia á súa implicación noutros proxectos culturais colectivos e ao seu papel como impulsor de proxectos privados como as galerías de A Coruña e Madrid, e a súa colaboración con institucións como a Fundación Barrié ou o Museo Unión Fenosa. Por último, Miguel Fernández Cid saudou especialmente a oportunidade que a primeira antolóxica de Caruncho sexa acollida pola Museo de Pontevedra, ao que cualificou como “o mellor Museo de Galicia, non só polo espazo, senón tamén porque ten un persoal moi cualificado e con moi boa disposición”.

Pola súa banda, a viúva do artista, Tatiana Ribic amosou o seu agradecemento porque esta exposición sexa unha realidade, e lembrou que a última visita ao Museo de Pontevedra de Luis Caruncho fora fai tres anos, coincidindo coa inauguración da exposición de Elena Colmeiro, artista á que o unía unha grande amizade. Á cuestión do mantemento dos vínculos de Caruncho con Pontevedra tamén se referiu Xosé Leal, sinalando que “a pesares de irse a Madrid, sempre se mantivo vinculado a Galiza, e é importante para o Museo de Pontevedra poder acoller a súa primeira antolóxica”. O deputado de Cultura e Lingua asegurou que “esta mostra é unha da máis importantes na programación deste ano, polo que temos grandes expectativas e esperamos que sexa un éxito”. Carlos Valle lembrou, ademais, que “Caruncho é un dos grandes artistas do século XX, non só en clave galega, é un gran artista en clave de arte universal”.

4 de maio de 2017 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.