publicidade hoxe

O libro “Entullo” de Lorena Conde preséntase en Santiago de Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O libro “Entullo”, de Lorena Conde, gañador do XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña presentarase este martes, día 16 ás 20.30 horas na Númax, en Santiago de Compostela. Ademais da autora, participarán na presentación a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o xornalista e poeta, Iván Cuevas e o violonchelista, Guillermo Alzagaray.

“Entullo” de Lorena Conde resultou o libro gañador do Premio González Garcés na súa última edición, despois de que un xurado composto por Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Marga do Val, Anton Lopo e Gonzalo Hermo, presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín o escollera entre os 85 libros presentados.
O xurado do premio convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña valorou na obra premiada a “orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional”.

Lorena Conde (Pontesampaio, 1980)

Licenciada en Filoloxía Hispánica e especialista universitaria en Arte Dramática pola USC. Técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Artes Aplicadas da Escultura pola EASD Mestre Mateo.
Iníciase no teatro primeiro como actriz e despois como directora en agrupacións universitarias. Dende 1999 fórmase en diferentes escolas e talleres e traballa como actriz profesional en proxectos de compañías alleas e propias. Durante varios cursos leva adiante os obradoiros escénicos de diversas escolas e centros de secundaria. De 2008 a 2014 dirixe Enlata Teatro, compañía impulsada pola Facultade de Ciencias da Educación da USC para a que –amáis do traballo de dirección, adaptación e deseño que xa viña realizando noutras–, comeza a escribir textos para a escena. En 2013 cofunda Matrioshka Teatro, compañía na que actúa, realiza o deseño gráfico e de escenografía e tamén escribe. En 2013 e 2014 coordina o Proxecto de creación escénica AD HOC en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación da USC e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago. Dende 2014 tamén forma parte de Farrapo Teatro, compañía de teatro amador para a que escribe e dirixe Frío, un espectáculo que en 2016 gaña os premios ao Mellor espazo sonoro, Mellor vestiario, Mellor dirección e Mellor espectáculo no X Festival Internacional de Teatro Cale-Se en Vilanova de Gaia, Portugal.

15 de maio de 2017 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.