publicidade hoxe

O conselleiro de Sanidade analiza co rexedor de Santiago a ampliación do CHUS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Reunión do conselleiro de Sanidade e o alcalde de Santiago. Foto: X. Crespo

Reunión do conselleiro de Sanidade e o alcalde de Santiago. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mantivo esta mañá unha xuntanza co rexedor municipal santiagués Martiño Noriega, na que abordaron a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario e a reordenación do Hospital de Conxo e do Gil Casares, derivada do proxecto para a construción da nova Facultade de Medicina e Odontoloxía.

O conselleiro trasladoulle ao alcalde a necesidade de planificar conxuntamente a mellor accesibilidade dende a colaboración mutua, analizando as posibles opcións de aparcadoiros e transporte urbano ata a zona do CHUS, para que vaia en consonancia coa gran mellora asistencial.

Aínda que estas obras serán contempladas no planeamento urbanístico do Concello de Santiago, é certo que pola súa natureza necesitan ser acometidas coa maior premura, polo que cómpre buscar unha solución que posibilite a súa execución de mellor xeito posible.

Nos próximos meses, o Sergas definirá o plan funcional co obxectivo de contar nun ano co proxecto de obra licitado. Para iso, vaise levar a cabo un plan sectorial coa intención de coñecer as limitacións da zona dende o punto de vista de edificabilidade, urbanización e tráfico. Mentres, en paralelo, traballarase para sacar a concurso a obra da Facultade de Medicina.

O proxecto de ampliación do CHUS

O proxecto recolle varios aspectos como a potencialidade para ampliar zonas de consultas externas para ámbitos ambulatorios e de crecemento en hospitalización para áreas de urxencias e de quirófanos. Ademais inclúe a necesidade de edificar unha nova Facultade de Medicina e Odontoloxía, tras o traslado do Hospital Clínico á zona da Choupana, e a construción no seu contorno tamén do Centro de Investigación Molecular e do Centro de Biomedicina Experimental. Todo isto, unido á evolución en materia de docencia e investigación, levou á necesidade de edificar unha nova Facultade na parcela que actualmente ocupa o Hospital Gil Casares.

Para poder levar a cabo este proceso é necesario realizar importantes actuacións para liberar a parcela na que se vai construír a Facultade, como a obra do edificio actual do Hospital Gil Casares e as súas edificacións anexas.

A Xunta de Galicia destinará arredor de 20 millóns de euros a esta remodelación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que afectará a unha superficie duns 15.000 m2.

9 de maio de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.