publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O conselleiro de Educación destaca a importancia da transferencia de coñecemento entre universidade e sociedade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na sinatura do convenio da creación da Cátedra

Román Rodríguez na sinatura do convenio da creación da Cátedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao acto de sinatura do convenio polo que a Universidade da Coruña e Navantia crean a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos no campus de Ferrol, un acto no que o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia da transferencia de coñecemento entre Universidade e sociedade.

Neste sentido, o conselleiro explicou que o Goberno galego, a través de iniciativas como o Campus Industrial en Ferrol, está a facer unha aposta estratéxica pola especialización dos campus para estimular a economía e para acadar unha maior conexión entre as Universidades e as necesidades derivadas dos nichos de emprego que xorden nos sectores produtivos. Así mesmo sinalou que, co fin de achegar os estudos superiores ás demandas da sociedade, se están a estreitar os vínculos coas empresas; relacións que permiten, por exemplo, que o campus de Ferrol adquira unha identidade especializada nos ámbito naval, oceánico e industrial como un axente principal para o desenvolvemento de Ferrolterra.

Román Rodríguez quixo felicitar tanto á UDC como a Navantia por este acordo e agradeceu a implicación desta compañía na educación, na que tamén colabora a través do ámbito da Formación Profesional. “Todos os que estamos hoxe aquí, pois, queremos abrir a Universidade, para que ademais de xerar coñecemento, sirva para converterse en axente chave para o progreso, a competitividade e o avance da sociedade”, dixo.

A Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos ten como finalidade fomentar o intercambio de experiencias nos ámbitos da docencia, investigación e cultura en xeral; prestando especial atención á promoción da investigación e transferencia no ámbito da Enxeñaría Naval, Industrial e Sistemas Asociados. Así mesmo, promoveranse as prácticas curriculares e extracurriculares dos estudantes da UDC en Navantia, entre outras accións. A nova cátedra rende homenaxe ademais ao xeneral Cosme Álvarez de los Ríos y Anocete, responsable do inicio das obras do Arsenal e Estaleiro de Ferrol a partir do ano 1750.

O convenio de colaboración foi asinado polo reitor da UDC, Julio Abalde; polo director do Estaleiro Navantia Fene-Ferrol, Julio Martín Ramos; e polo responsable de Control Operativo de Programas de Navantia, Andrés Cachaza Abeal.

16 de maio de 2017 | 16:20 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario