publicidade hoxe

O Concello de Santiago participa na campaña “Quere o teu mercado” coa conferencia “Sen conservantes nin colorantes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Gemma Sesar e Joaquín González Dorao, autora e ilustrador da Guía Ilustrada da Praza de Santiago de Compostela, serán os protagonistas do acto central da celebración da campaña Quere o teu mercado en Santiago de Compostela, coa conferencia que impartirán o venres 26 de maio da Aula Gastronómica da Praza de Abastos. A autora compartirá coas persoas asistentes as súas lembranzas e vivencias como asidua usuaria da praza dende a súa nenez, mentres Joaquín González elaborará en directo unha ilustración do mercado.

Editarase tamén un póster conmemorativo para a celebración da campaña co slogan “Sen conservantes nin colorantes”, que se repartirá xunto co resto do material promocional elaborado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia entre todas as persoas que realicen as súas compras nos días de celebración da campaña Quere o teu mercado.

Quere o teu mercado é o lema en galego da Love Your Local Market, con orixe no Reino Unido e promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets. Este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

En Galicia, esta iniciativa é promovida dende hai tres anos pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes. Neste ano organizaranse actividades en máis de 90 mercados de Galicia, distribuídos por todo o territorio, incentivando así a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

A participación do Concello de Santiago nesta campaña complétase cun plan de formación deseñado en colaboración coa Praza de Abastos para facilitar a mellora profesional de praceiras e praceiros. No marco deste plan de formación impartiranse as seguintes accións formativas:

• Curso de Redes Sociais: Aumenta as túas vendas e atrae máis clientela!
• Curso Hixiene Alimentaria: Manipulación de alimentos e alérxenos no Mercado de Abastos.
• Curso Semipreparados: Corte de Xamón.
• Curso Atención ao cliente: mellorar a experiencia de compra na Praza.

Estas accións formativas están dirixidas preferentemente a praceiras e praceiros, así como a persoas que estean valorando emprender ou por en funcionamento unha nova liña de negocio na Praza de Abastos de Santiago de Compostela . As persoas interesadas poden consultar o programa completo de cada acción e inscribirse na web municipal www.cersiaempresa.gal. Os cursos serán impartidos na Aula Multiúsos da Praza de Abastos de Santiago de Compostela entre o 18 de maio e o 20 de xuño de 2017.

Gemma Sesar

Estudiou Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, compaxinando a carreira con traballos de xornalista en El Correo Gallego, èm]La Voz de Galicia, Axencia Galega de Noticias, Localia, Radio Voz… No ano 2001 trasladouse a Madrid a traballar como guionista e produtora na empresa audiovisual Lúa Multimedia, de Manuel Campo Vidal. En 2005 volta a Santiago e dous anos máis tarde crea xunto a Fausto Isorna El Patito Editorial, na que se ocupa dos labores de editora e xefa de proxectos. En 2013 publicou o seu primeiro cómic, Vida de Nai: O inverno, unha serie á que en 2014 se sumou Vida de Nai: A primavera, nas que narra o seu día a día con dous fillos e un mundo en crise.

Joaquín González Dorao

Gaditano, é ilustrador e deseñador gráfico. Comezou a súa carreira profesional coa fotografía no campo da publicidade, a moda e a arte. Ten traballado en diversos estudos de publicidade e ten sido director de arte para unha axencia.

Algunhas das súas publicacións son a colección Acuarelas de Viaje (Grecia, Australia, China, Perú e Croacia) con Editorial Planeta; un caderno de viaxes de Madrid coa editorial La Librería e un caderno de viaxes sobre Cádiz con Torre Tavira. Tamén ten publicados libros de viaxes sobre Turquía, Bilbao, Venecia, Sevilla, Granada, París, Brasil e India.

15 de maio de 2017 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.