publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural destaca o pulo da produción de planta ornamental en Galicia que move 40 millóns de euros ao ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortas
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita aos Viveros de Romai

Ángeles Vázquez na visita aos Viveros de Romai

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe os Viveros de Romai no concello de Portas nos que destacou o impulso que está collendo o sector da planta ornamental en Galicia, que move xa uns 40 millóns de euros ano e que é outra alternativa para diversificar o agro. “O futuro do rural non só está vinculado á agricultura e gandaría, hai moitos outros negocios que se poden desenvolver nel e este é un exemplo”, sinalou Ángeles Vázquez.

A conselleira destacou tamén que este é un sector “á vangarda” que aposta por innovar e reinvestir continuamente. De feito o 20% da facturación corresponde á exportación de produtos, co que Galicia se sitúa como a quinta comunidade que máis exporta de España. Os principais mercados son Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal. Ademais, Galicia é con diferenza a maior produtora de camelia a nivel europeo. No ámbito estatal destaca tamén por especies como a hortensia, rododendro, azalea, abelia, acivro, coníferas de peche.

O número de produtores en Galicia é superior aos 280 e mobiliza uns 1.500 postos de traballo directos, dos que un 90% son mulleres do rural. “Falamos, polo tanto, dun impulso da economía local, pero tamén da economía galega que ademais contribúe a asentar poboación no rural”, afirmou Vázquez.

Viveros de Romai

A conselleira estivo acompañada durante a súa visita polo alcalde, Víctor Estévez, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Xuntos coñeceron as instalacións que a empresa Viveros de Romai ten no municipio de Portas dedicada á produción de planta de tempada.

Nun espazo aproximado de 1,5 hectáreas producen tanto flores coma plantas arbustivas e nel traballan seis empregados con carácter fixo, un número que pode verse ampliado segundo a carga de traballo. Ademais, este negocio ten outra explotación no concello da Estrada. É membro da Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste (Asvinor), que concentra o 82% da produción do sector en Galicia e aporta o 60% dos empregos directos.

16 de maio de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.