publicidade hoxe

Goretti Sanmartín anima no Correlingua a “vivir en galego con normalidade e eliminar os prexuizos”

Correlingua 2017

Correlingua 2017

Máis de dous mil rapazas e rapaces participaron no Correlingua que esta mañá se desenvolveu polas rúas de Santiago de Compostela con remate na Praza da Quintana. No acto final, a vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, animou a vivir en galego e eliminar os prexuízos que aínda existen no uso da nosa lingua.

Co lema “En galego, sen cancelas” milleiros de rapazas e rapaces partcipan na iniciativa que ten como obxectivo promover a normalización lingüística entre a mocidade. Máis de dous mil mozas e mozas de centros de ensino secundario déronse cita este luns en Santiago de Compostela para reivindicar o dereito de vivir en galego con normalidade.

A vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüistica da Deputación da Coruña participou na Praza da Quintana en Santiago de Compostela no acto final en que animou a vivir na nosa lingua en todas as situacións e convidou a eliminar os prexuizos que aínda existen e que están a ser un freo para a normalización do galego.

Goretti Sanmartín lembrou que o Correlingua, promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG-Ensino, recibiu o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña na súa última edición como iniciativa de interesa para a normalización lingüística ao incidir nunha idade en que, segundo afirmou, é máis necesario actuar debido á perda de falantes.

“Fronte ás persoas que pensan que o galego non é das rapazas guapas e que non serve para ligar, fronte a quen non está disposta a subir en blablacar se quen guía o coche fala galego” situou Goretti Sanmartín a mozas e mozos que queren poder desenvolver a súa vida en galego e mostran “entusiasmo e orgullo” na defensa da nosa lingua.

“Queremos falar galego con normalidade, sen que ninguén nos mire mal, sen que ninguén nos xulgue por iso, sen que nos sinalen por falar en galego, por cantar en galego”, afirmou na súa intervención na que convidou a “unir forzas” na defensa da lingua, coa implicación tamén das institucións para dar pasos adiante no proceso de normalización.

“Queremos decidir ter un futuro en que o galego estea presente nas nosas vidas, en que falar galego sexa mostra de modernidade, de vangarda, de ansia por construír un mundo diferente”, defendeu Goretti Sanmartín nun acto conducido pola actriz Isabel Risco en que tamén tomaron a palabra o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega.

“Falamos galego porque nos peta e nos dá a gana, porque nos gusta, porque queremos demostrarlle ao mundo que somos unha potencia, que nos queremos como pobo. Tamén o falamos porque é xusto, porque o mundo sería moito máis pobre se eliminamos a variedade de linguas”, concluiu Goretti Sanmartín na festa final do Correlingua na Praza da Quintana.

8 de maio de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.