publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia traza unha folla de ruta para minimizar o impacto do Brexit sobre o sector pesqueiro galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Galicia traballará a través de diferentes vías para minimizar o impacto do Brexit sobre os seus intereses pesqueiros. Así o explicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, hoxe no pleno do Parlamento nunha comparecencia sobre este acontecemento, “inédito en Europa e do que, de momento, non son claras as súas posibles consecuencias en xeral e para o sector pesqueiro galego”.

Neste sentido, a titular de Mar fixo fincapé en que Galicia debe estar preparada para facer unha oportunidade deste proceso de retirada de Reino Unido da Unión Europea. Por iso está a realizar unha folla de ruta “que este ano estará centrada no factor económico”. Un aspecto, expuxo, para o que se está a elaborar un informe coordinado pola profesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago, María do Carme García Negro.

Este documento analizará nun primeiro avance cuestións sobre o posible impacto por cese da pesquería e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas e malvinas. Ademais, nunha posterior avaliación en función da evolución das negociacións, analizará a afectación derivada da participación do Reino Unido nas cotas pesqueiras de NEAFC (Comisión de Pesquerías del Atlántico Nororiental) e do acceso comercial aos mercados europeos.

Partindo desta análise, a folla de ruta de Galicia inclúe diferentes accións de traballo nos eidos exterior e interior. No exterior, explicou Rosa Quintana, Galicia aproveitará diferentes oportunidades para buscar aliados na defensa de intereses comúns nas negociacións do Brexit. Unha delas é a representación de todas as comunidades autónomas nos Consellos de Ministros de Pesca na UE durante o segundo semestre “para para manter encontros e facilitarlle as nosas análise á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e á Representación Permanente de España ante a UE”.

Ademais, engadiu a titular de Mar, “queremos contar co apoio do Comité Económico e Social Europeo a través da sección NAT e doutros entes como o Comité das Rexións ou a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas”. Nesta última entidade, especificou, Galicia aproveitará as xuntanzas trimestrais de coordinación do Grupo Pesca e o liderado no grupo específico sobre o Brexit conformado no Arco Atlántico.

A maiores Rosa Quintana comunicou que tamén se busca intercambiar información con axentes pesqueiros de países como Alemaña, Países Baixos, Dinamarca, Francia e a outras rexións do Reino Unido con grande importancia pesqueira.

En relación ao eido interior, a conselleira do Mar destacou o labor do grupo conformado no seo do Consello Galego de Pesca para facer seguimento de todas as novidades que se van producindo en relación ao Brexit e “complementar as análises xurídicas e económicas” que se elaborarán dende Galicia.

Unhas análises, puntualizou Rosa Quintana, que se centrarán en aspectos clave como “a posible acollida en Galicia do Laboratorio Comunitario de Referencia para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos”. Neste sentido, a conselleira explicou que as funcións deste laboratorio “son de alto impacto na comercialización destes produtos no mercado interior e son unha materia de ámbito competencial da Xunta de Galicia”.

Por outra banda, a conselleira fixo fincapé na importancia de contar co apoio do Parlamento Galego neste camiño de defensa dos intereses do sector pesqueiro galego. Nesta liña, propuxo realizar unha sesión monográfica ao semestre da Comisión 8ª na que se dea conta da información dispoñible e se proceda a analizar e complementar os informes e argumentos dispoñibles.

Accións realizadas

Esta folla de ruta súmase ás accións xa realizadas dende Galicia en relación ao Brexit. Entre elas o informe encargado ao Instituto Universitario de Estudos Europeos, ‘Salvador de Madariaga’, da Universidade da Coruña, para analizar o alcance xurídico e as posibilidades de actuación a futuro neste asunto.

Este documento, lembrou Rosa Quintana, reflicte que o Brexit “non ten por qué prexudicar ao sector pesqueiro galego”. De feito, expón diferentes vías que poden supoñer unha oportunidade para a frota galega. Entre elas, abre a porta para poder revisar o principio de estabilidade relativa que rexe o reparto de TACs e cotas pesqueiras na UE.

O informe, subliñou Rosa Quintana, foi presentado ao pleno do Consello Galego de Pesca e foi remitido ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, á Representación Permanente de España ante a UE e foi entregado polo presidente da Xunta á DG Mare para a súa análise e consideración.

9 de maio de 2017 | 16:24 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario