publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia inviste 153.000 euros para manterse como referente no método analítico de biotoxinas mariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), ambos da Consellería do Mar, traballan nunha investigación cun orzamento de máis de 153.000 euros co obxectivo de manter a Galicia como referente mundial na aplicación do método químico de análise das toxinas lipofílicas e para adiantarse no control das toxinas emerxentes. Explicouno a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, na Comisión 8ª, onde respondeu a unha pregunta sobre este asunto.

A directora do Intecmar informou de que esta acción investigadora ten un prazo de execución de tres anos e, en relación ao método químico de análise das toxinas lipofílicas, explicou que os centros dependentes da Consellería do Mar están a traballar en diferentes aspectos para avanzar no funcionamento dos equipamentos utilizados para a realización das analíticas, denominados espectómetros de masas. Ademais Covadonga Salgado lembrou que o Intecmar foi o “primeiro centro de control en acreditar en España este método” e engadiu que en Galicia “somos referencia mundial no seu emprego”.

En canto ao método químico previsto para a determinación de toxinas de tipo paralizante, en substitución do bioensaio, a directora do Intecmar explicou que no marco da investigación se están analizando diferentes aspectos para optimizar o traballo con este método e acadar unha redución nos custos das análises. A maiores, a directora do Intecmar engadiu que a investigación tamén inclúe a busca e desenvolvemento de técnicas para a determinación das toxinas emerxentes para as que non existen métodos analíticos oficiais.

En resposta a outra pregunta sobre a extracción do molusco denominado reló, a directora do Intecmar explicou que está en marcha e a piques de rematar, logo dunha prórroga de tres meses, unha acción de investigación na que participan persoal dos centros CIMA e Intecmar, da Consellería do Mar e tres equipos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. Esta investigación, explicou, ten como obxectivo “afondar no coñecemento da transferencia trófica do chumbo acumulado no reló e testar a hipótese de que este metal se atopa en formas non asimilables e, polo tanto, non supón un perigo para o consumidor”. Esta acción conta cun importe de máis de 65.000 euros e “está na fase de preparación e emisión de informes para, unha vez finalizados, ter a reunión final, avaliar os resultados obtidos e deseñar os pasos a seguir”, engadiu Covadonga Salgado.

Pesqueira da xarda

Por outra banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, respondeu a dúas preguntas relacionadas coa pesqueira da xarda. A directora xeral lembrou que a xestión desta pesqueira é provincial correspondéndolle á frota de cada provincia a proposta de apertura e de cotas para a pesqueira.

Neste sentido incidiu en que “é o sector o que debe tomar a decisión” e explicou que “unha apertura tardía supón esperar en Galicia a que chegue a xarda, mentres que o feito de facelo máis ao comezo do ano, suporá a necesidade de trasladarse ao este do Cantábrico”. Así, engadiu, “a decisión de abrir tarde e esperar que se achegue a xarda para evitar custes e incrementar prezos é a demostración de que se pode alongar a pesca dirixida”.

Ademais destacou que, a pesar de que a cota desta especie é escasa, a súa xestión vai mellorando, pois “os barcos puideron pescar sen que se lles pechase antes de comezar”. Isto acontecía co sistema de pesca anterior, que propiciaba a chamada “pesca olímpica”, un sistema co que a cota se esgotaba máis rápido e dela se beneficiaban os que primeiro tiñan a especie preto.

Así, Mercedes Rodríguez, apelou á colaboración de todos e a seguir loitando para incrementar as cotas, incentivar a corresponsabilidade na xestión e mellorar os medios de control dos consumos. Sobre este último punto, a directora xeral explicou que a Xunta trasladou esta necesidade ao Goberno central.

Neste sentido, lembrou que a Secretaría General de Pesca anunciou a posta en marcha dun sistema de control e seguimento de cotas denominado GESTCUOTA que, “ademais de dotar de seguridade ao reconto dos consumos de cota, permitirá unha maior rapidez e polo tanto, prever con adianto a toma de decisións respecto aos peches”. Tamén advertiu que para que o sistema funcione é necesario cumprir coas obrigas de comunicación de datos, tanto por parte dos patróns dos buques como como das entidades concesionarias das lonxas.

11 de maio de 2017 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.