publicidade hoxe

Francisco Conde: “o coñecemento é o patrón de crecemento que permitirá á economía galega ser máis competitiva e produtiva”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Francisco Conde no "Fórum Europa. Tribuna Galicia"

Intervención de Francisco Conde no “Fórum Europa. Tribuna Galicia”

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou hoxe polo coñecemento como patrón de crecemento da economía galega para facela máis competitiva e produtiva durante o Forum Europa. Tribuna Galicia organizado en Santiago de Compostela por Nueva Economía Fórum.

“Estamos nun momento clave para dar este impulso definitivo, especialmente porque todos os indicadores económicos prevén un crecemento positivo da economía para este ano e están a revisar á alza os seus prognósticos”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, lembrou datos como que a economía galega creceu en 2016 máis que nos últimos catro anos, que bateu o seu récord exportador, que o desemprego rexistrou a súa maior caída interanual -un 10%- e que conseguiu reducir o déficit.

O conselleiro destacou que o coñecemento é o que pode facer ás empresas galegas diferentes e competitivas e asegurou que a aposta por este cambio de modelo, pola innovación e por incentivar o emprego de calidade farán que a economía galega e o tecido industrial crezan e gañen produtividade: “É un obxectivo que nos convoca a todos nunha axenda compartida entre a Xunta, as empresas e os centros de coñecemento”. Por este motivo insistiu na importancia de reforzar os vínculos entre as institucións académicas e científicas e o tecido empresarial para que a investigación e a innovación se incorporen ao sector produtivo.

Innovación

Precisamente, Conde apuntou á innovación, a xuventude e o emprego cualificado como os elementos sobre os que pivotan as políticas de crecemento en Galicia. No eido da I+D+i galega, o conselleiro explicou que as iniciativas de apoio da Xunta teñen o obxectivo de ser enlace entre as empresas e os centros de coñecemento e enumerou programas como Conecta Peme ou Innterconceta que teñen permitido que máis de 1.100 pemes desenvolvan ao redor de 300 proxectos vinculados á innovación.

Ademais, adiantou que o Consello da Xunta desta semana aprobará a cuarta convocatoria das Unidades Mixtas de Investigación á que se destinan 5 millóns de euros, o que suporá a mobilización de 17 millóns. Trátase dunha iniciativa pioneira en España que, a través das 24 unidades postas en marcha ata o momento, xa permitiu atraer novo capital privado destinado á innovación, mobilizando 84 millóns de euros.

Xunto coa innovación, a economía do coñecemento tamén precisa do talento, por iso o Goberno galego impulsa non só programas dirixidos aos investigadores do sistema de I+D+i, senón aos traballadores que demanda o desenvolvemento da Industria 4.0.

Para adaptar a formación ás necesidades do empresario, aos novos perfís profesionais e á Industria 4.0, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece un novo programa de emprego para que 10.000 menores de 30 anos accedan a un contrato laboral cun período de formación previa, ou os plans específicos tanto para a industria naval como para a da automoción: “A Industria 4.0 visibiliza o binomio entre alta tecnoloxía e coñecemento”, asegurou Conde e engadiu: “Unha faceta máis moderna da industria faina máis competitiva e atractiva e ese é o reto que nos impón a economía global: a diferenciación”.

A diferenciación para captar investimento

O conselleiro sinalou que a alta tecnoloxía e o nivel de capacitación dos traballadores deben ser os avais que nos leven a captar novos investimentos: “Galicia ten que diferenciarse doutros países que compiten polo emprego low cost e pola I+D+i low cost”, afirmou. Tal e como explicou, o obxectivo da Xunta é facer máis doado que as empresas desenvolvan a súa actividade eliminando obstáculos relacionados coa carga fiscal ou os trámites administrativos, facilitando o acceso a solo industrial ou ofrecendo asesoramento a través da oficina Doing Business.

Conde tamén lembrou o impulso da nova Lei de Implantación Empresarial, dentro do Plan de Captación de Investimentos e a colaboración cos concellos para facer de Galicia un territorio atractivo para a instalación de empresas: “A creación de concellos Doing Business en Galicia suporá unha oportunidade para traballar conxuntamente, cos mesmos instrumentos e cunha soa voz, no obxectivo de atraer novos investimentos”.

16 de maio de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.