publicidade hoxe

Francisco Conde destaca en Pantón o papel dos emprendedores no fortalecemento da economía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPantón
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Pantón un encontro cos emprendedores da comarca de Lemos no que destacou o seu papel decisivo no crecemento e fortalecemento da economía galega. De feito, o conselleiro salientou o potencial de Lugo e, en particular, da comarca de Lemos e enumerou os bos datos da provincia como o descenso do paro nun 10% con respecto ao mes de abril de 2015 ou o incremento da creación de empresas dun 23% durante 2016 -sete puntos por riba da media galega-.

Conde tamén puxo en valor a boa acollida do espazo coworking da comarca de Lemos, no que participaron 17 proxectos, dos que 8 xa son unha realidade. Nesta liña informou de que das 119 iniciativas galegas que participaron na primeira edición deste programa desenvolvido en cooperación coa Escola de Organización Industrial (EOI), máis da metade -64-, forman parte xa do tecido empresarial galego.

A xornada informativa, na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, contou coa colaboración de AJE, tiña como obxectivo escoitar as principais suxestións do sector, así como presentar aos asistentes as liñas de apoio e programas que a Xunta ofrece aos emprendedores: desde as encamiñadas a facilitar os trámites administrativos ás pensadas para apoiar, tanto desde o punto de vista do financiamento, como desde a formación e o asesoramento, a todos aqueles que deciden poñer en marcha a súa idea de negocio.

Conde sinalou que hoxe é máis doado emprender en Galicia grazas á Lei de emprendemento e á eliminación de licencias municipais previas; á creación das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM); ao impulso da Oficina Doing Business; ao convenio coa Fegamp para impulsar os investimentos empresariais ou á elaboración dunha nova Lei de implantación empresarial para axilizar a tramitación administrativa.

Por outra banda, lembrou que programas como Galicia Emprende -que este ano mobilizará 14 millóns de euros para a creación e mantemento de 500 empregos-; Galicia Rural Emprende -con axudas de ata 70.000 euros para a creación de empresas no rural fóra do ámbito agrícola-; a Estratexia do Autónomo -que incorpora 20 medidas para ofrecer máis facilidades a este sector-; ou os programas de financiamento do Igape fan que Galicia sexa un lugar atractivo para emprender.

8 de maio de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.