publicidade hoxe

Francisco Conde convida ás empresas a participar nunha axenda compartida coa Xunta en formación, innovación e internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Intervención de Francisco Conde no Almorzo CEP Actualidade Empresa

Intervención de Francisco Conde no Almorzo CEP Actualidade Empresa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, invita ás empresas galegas a participar nunha axenda compartida coa Xunta en temas de formación, innovación e internacionalización: “A colaboración público privada ten que permitirnos que Galicia siga consolidando a creación de emprego e a nosa capacidade competitiva”. Conde participou no Almorzo CEP Actualidade Empresa organizado en Vigo pola Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Na súa intervención, o conselleiro subliñou a importancia de contar cun escenario político estable e cunha situación económica favorable para que o tecido empresarial poida desenvolver a súa actividade con garantías.

Neste sentido referiuse ás previsións de crecemento comunicadas por distintas institucións para 2017 e lembrou os datos acadados en 2016 como o crecemento do PIB nun 3,4% -o maior nos últimos 8 anos-; o descenso do paro nun 10%, o récord exportador superando por primeira vez a barreira dos 20.000 millóns de euros ou o incremento de turistas nun 7,4%. Tamén falou dos resultados positivos na provincia de Pontevedra que lidera a creación de emprego co rexistro, no pasado mes de abril, do 55% da baixada do paro, e foi orixe do 45% das exportacións do pasado ano.

Conde puxo en valor o papel que as empresas desempeñaron para alcanzar estas cifras:
“A recuperación económica estase a consolidar pola visión e esforzo que desenvolven os propios empresarios que están centrando as súas actuacións en temas como a innovación e a internacionalización”, destacou e centrou os esforzos da Xunta na aposta pola formación, a innovación e o apoio á internacionalización para xerar riqueza e crear emprego estable e de calidade.

Así, lembrou o programa de emprego dotado con 90 millóns de euros co que se pretende que 10.000 menores de 30 anos atopen un contrato laboral; á vez que se activan 2 millóns de euros en axudas para incentivar a contratación de desempregados de longa duración maiores de 45 anos. En materia de formación fixo fincapé no programa Formación á porta co fin de levar programas formativos ao territorio, adaptándose aos perfís profesionais máis demandados e dando prioridade ao rural para fixar poboación neste ámbito.

O conselleiro insistiu na importancia de que o marco laboral e formativo se anticipe ás necesidades das empresas e puxo como exemplo as iniciativas en sectores punteiros como o do naval e o da automoción, exemplos de innovación e de desenvolvemento da Industria 4.0.

A Xunta pon á disposición das empresas para avanzar na senda da innovación recollidos na Axenda Galicia-Industria 4.0, os programas Conecta Peme e Innterconecta, a rede de aceleradoras ou as Unidades Mixtas de Investigación.

Por último, falou de reforzar a competitividade do tecido empresarial galego a través da Estratexia de Internacionalización e do Plan de captación de investimentos, cos que Galicia pretende converterse nunha terra atractiva para investir e para implantarse.

8 de maio de 2017 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.