publicidade hoxe

Francisco Conde: “A estratexia de optimización loxística fortalecerá a competitividade do tecido industrial galego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago no I Foro de Optimización Loxística de Galicia, organizado pola Xunta para poñer en común as bases da futura folla de ruta do sector que está elaborando coas achegas de todos os axentes implicados na industria da loxística e que sinalará onde radica o potencial da Comunidade neste ámbito.

Así, e tal e como sinalou o conselleiro, a Xunta está escoitando as demandas dos sectores produtivos galegos no eido da comercialización para identificar e plasmar na Estratexia as capacidades de mellora que ten Galicia para optimizar a loxística e que se converta nun elemento de competitividade. “Temos que actuar sobre toda a cadea loxística para que se converta nun factor de competitividade para a industria galega”, engadiu.

Deste xeito, indicou que a Estratexia Integral de Optimización Loxística de Galicia fortalecerá a competitividade do tecido industrial galego convertendo á Comunidade nunha plataforma loxística no tráfico de mercadorías, como porta de entrada e saída natural de Europa.

Explicou, ao respecto, a necesidade de incluír, cando se fala de Industria 4.0, da loxística como un elemento fundamental para que as empresas galegas teñan todas as ferramentas necesarias para gañar competitividade. Para iso, precisou que hai que saber utilizar de forma eficiente todas as infraestruturas, tanto portuarias como o transporte por estrada ou ferrocarril, para que as compañías teñan unha capacidade competitiva como territorio.

Conde salientou, ademais, a importancia de avanzar na Loxística 4.0, incorporando as novas tecnoloxías a toda a cadea de subministración, tal e como contempla a Axenda Galicia-Industria 4.0. Deste xeito, a Loxística 4.0, en palabras do titular de Economía, permitirá unha xestión de envíos máis eficiente en función da previsión da demanda en tempo real; unha redución de stocks e almacenaxes; a optimización de rutas; e a trazabilidade de toda a mercadoría.

En definitiva, Conde afirmou que a Xunta busca coa folla de ruta desenvolver actuacións para impulsar a coordinación das grandes infraestruturas loxísticas e potenciar a internacionalización e a competitividade das empresas do sector. “Temos que actuar cunha soa voz e dar unha resposta ao mapa de infraestruturas que temos en Galicia para que a cadea de produción e comercialización responda ás necesidades loxísticas que teñen os nosos axentes”, rematou.

O sector en cifras

O sector loxístico achega á economía galega máis de 2.000 millóns de euros (o 3,9% do PIB), dando emprego a máis de 49.000 persoas a través de case 11.900 empresas. Trátase dun sector industrial en auxe non só pola situación xeográfica estratéxica de Galicia como ponte entre América e Europa, senón tamén pola evolución e o progreso das infraestruturas galegas. A Xunta está a apoiar de xeito decidido ás catro ramas que conforman este sector: o transporte terrestre, marítimo, aéreo e postal.

Así mesmo, é un sector cada vez máis importante dada a actividade exportadora das empresas galegas que vai en aumento: en 2016 bateu máximos históricos acadando por primeira vez os 20.000 millóns de euros de facturación e as 6.700 empresas exportadoras; e ata febreiro de 2017 as vendas están a manter a tendencia, xa que creceron un 8,8% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

9 de maio de 2017 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.