publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo clausura o XI plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galega

Intervención do presidente galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confiou hoxe en que, grazas ao esforzo compartido da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, o Cumio Ibérico do vindeiro 29 de maio sente as bases dunha Eurorrexión máis competitiva, máis innovadora e sobre todo máis unida.

Nesta liña, e durante a clausura este mediodía do XI plenario da Comunidade de Traballo, Feijóo avanzou que ambas as rexións xa trasladaron aos seus respectivos gobernos unha lista de demandas conxuntas en distintos eidos.

Así, en relacións ás emerxencias, o responsable do Executivo autonómico destacou a necesidade de definir un plan territorial de emerxencias transfronteirizas, que identifique os riscos, defina plans de actuacións e dea resposta conxunta baixo un mando único.

No eido medioambiental, conscientes de que o cambio climático non coñece de fronteiras, Feijóo trasladou o apoio da Eurorrexión á creación dun foro de intercambio de información meteorolóxica e climática e mesmo operativa e institucional. E, en relación á investigación, subliñou o interese por potenciar o papel do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, en Braga, “un campo con moito futuro”; así como a posibilidade de lanzar convocatorias para financiar proxectos de investigación conxuntos, de cara a artellar unha oferta única de servizos de alto valor engadido para o puxante sector da biotecloxía.

Ademais de avogar por estreitar a colaboración no ámbito sanitario, o responsable da Xunta engadiu que a Eurorrexión seguirá avanzando na terceira interconexión gasista entre España e Portugal, que permita enlazar todas as entradas de gas natural licuado da fachada atlántica ao sistema ibérico.

No eido turístico, destacou a proposta de mellorar a promoción do patrimonio natural e cultural compartido, como a reserva da biosfera transfronteiriza do Gerês-Xurés e o Camiño Portugués a Santiago. E afirmou que Galicia e o Norte de Portugal traballarán cos gobernos español e portugués, para que haxa unha sensibilidade especial á reclamación de que a liña ferroviaria de altas prestacións que xa une Coruña e Vigo se estenda ata Porto.

Competencia leal e cooperación, liñas da presidencia galega da Comunidade de traballo

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que a competencia leal e a cooperación honesta serán as liñas mestras que guíen a presidencia galega da Comunidade de Traballo, que asume desde hoxe, para acadar tres grandes obxectivos: avanzar no artellamento da Eurorrexión a través da mellora das infraestruturas, potenciar a innovación e o crecemento económico e a dinamización demográfica.

No tocante ao primeiro obxectivo, o presidente da Xunta referiuse, ademais de ao AVE, a infraestruturas de transporte como o corredor atlántico da Rede Transeuropea de Transportes. Unha conexión loxística multimodal que unirá Irún con Aveiro, “e na que Galicia, e o resto de comunidades do norte de España e a rexión norte de Portugal temos que estar”, dixo.

Sobre este punto, afirmou que dende o Executivo galego xa se están a facer as xestións oportunas co Goberno de España e ante as institucións europeas para impulsar que, na revisión da Rede Transeuropea de Transportes que se levará a cabo en 2018, o corredor atlántico entre con forza no noroeste peninsular.

“E temos que traballar para avanzar tamén nas conexións ferroviarias, poñendo á disposición dos veciños da Eurorrexión trens de altas prestacións con tempos competitivos e que nos permitan chegar desde Vigo ata Braga e Porto no contorno dunha hora”, reiterou, facendo fincapé en que será nese momento cando se poida falar dun auténtico Eixo Atlántico ferroviario.

No tocante ao segundo obxectivo, Feijóo perfilou algunhas das claves que poden impulsar a innovación e o crecemento sustentable da Eurorrexión, entre as que destacou: a potenciación do comercio de proximidade e promover os vínculos entre as prazas de abastos; fomentar o intercambio de coñecemento entre as empresas e os centros tecnolóxicos e de investigación, tanto se se asentan en Galicia como se están no Norte de Portugal; unir forzas nunha Plataforma Loxística Operativa conxunta; e afondar nos intercambios científicos e educativos, poñendo en marcha xuntos unha iniciativa na que Galicia é líder: a compra pública innovadora.

Por último, afirmou que a Eurorrexión reclamará sempre ante Europa que a demografía sexa unha prioridade política que se reflicta nas políticas de cohesión. “A resposta que deamos ao desafío demográfico perfilará a Europa do futuro. Por iso, é imprescindible que a Unión teña en conta a situación poboacional ao configurar os marcos de financiamento e decidir as medidas que tomar”, aseverou.

Agradecemento á Rexión Norte de Portugal polo seu traballo nestes tres anos

Feijóo incidiu en avanzar no traballo conxunto entre Galicia e o Norte de Portugal para crecer “e converternos nun dos centros de gravidade da Unión Europea”. “Galicia e o Norte de Portugal teñen potencial para ser un destes eixos”, aseverou.

Ao respecto lembrou que esta Eurorrexión está a ser a gran protagonista do Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal. Non en van, os fondos europeos farán posible realizar 45 proxectos que, ao longo dos dous vindeiros anos, lle darán forma á Eurorrexión da próxima década; e, grazas ao traballo compartido, Galicia e o Norte de Portugal son as zonas máis beneficiadas polo Poctep, concentrando a terceira parte do seu investimento total.

O titular da Xunta concluíu agradecendo á Rexión Norte de Portugal o seu gran labor durante estes tres anos de presidencia da Eurorrexión, cuxo traballo permitiu seguir estreitando os vínculos culturais, económicos, educativos e científicos.

15 de maio de 2017 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.