publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura incoa o expediente de declaración da Cova de Eirós como ben de interese cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada dereitaTriacastela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento a Cova de Eirós, sita na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no termo municipal de Triacastela (Lugo). O anuncio pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170502/AnuncioG0164-210417-0002_gl.html.

As campañas arqueolóxicas realizadas co apoio da Xunta nesta cavidade cárstica durante os anos 1993 e no período 2008-2016 descubriron restos de osos das cavernas e ocupacións paleolíticas que abranguían dende o Paleolítico medio (ca. 41.000 BP) ata os momentos finais do Paleolítico superior (ca. 12.000 BP) e indicios de presenza dunha serie de motivos e gravados nas paredes da Gran Sala e nunha das galerías do interior da cavidade. Destes achádegos dedúcese o excepcional valor científico e patrimonial da Cova de Eirós, ao aglutinar un xacemento paleontolóxico de grande interese no fondo da cova cun xacemento arqueolóxico cunha dilatada secuencia de ocupación. A todo isto cómpre engadir a localización da arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida na comunidade autónoma galega.

Aínda que se producen achados arqueolóxicos e paleontolóxicos ao longo de toda a cova, a principal concentración dos primeiros dáse na súa boca, onde se constatan ocupacións do paleolítico medio e superior, prehistoria recente e medieval. A principal concentración de ósos das cavernas prodúcese ao fondo da galería leste, no lugar onde se formou o lago artificial. En canto á arte rupestre que se documenta na cova, ata o de agora están identificados un total de 13 paneis con 93 motivos que se concentran na gran sala e mais na galería leste.

Tendo en conta estes antecedentes, a Consellería propón a súa declaración singular como ben de interese cultural coa categoría de monumento, por estimala a figura máis acaída para o seu réxime de protección, de acordo coa Lei 5/2016 do Patrimonio cultural de Galicia. O expediente permanecerá en exposición pública polo prazo dun mes e cómpre lembrar que desde o momento mesmo da incoación do mesmo a cova xa conta coa máxima protección patrimonial da devandita lei.

Campañas arqueolóxicas

As últimas campañas arqueolóxicas nesta cova, que contaron co apoio da Xunta, foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.

Actualmente, a escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, e a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas na cavidade confirman a Cova Eirós como un dos xacementos de referencia para o estudio da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores colleiteiros que viviron en Galicia hai 40.000 anos.

Novos resultados

Os resultados acadados nestes últimos anos están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

As novas datacións absolutas confirman ao grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.

Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegármonos á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a Fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por Carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.

2 de maio de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.