publicidade hoxe

Cores Tourís visita unha explotación avícola en Rodeiro impulsada por medio rural a través da orde de axudas para a incorporación de agricultores mozos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRodeiro
A-
A+
Cores Tourís na visita a unha explotación avícola en Rodeiro

Cores Tourís na visita a unha explotación avícola en Rodeiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá unha explotación avícola do concello de Rodeiro que resultou beneficiada pola orde de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, creación de empresas para agricultores mozos e desenvolvemento de pequenas explotacións.

O delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, así como do xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, e polo responsable da explotación, David Bueno Jorge.

Este mozo explicou que decidiu deixar a súa vida en Pontevedra para virse a vivir no rural e, en concreto, a Rodeiro, solicitando en 2016 unha axuda da Xunta de Galicia para a incorporación de novos agricultores e para a posta en marcha dun plan de mellora de explotación avícola, recibindo así 110.000 euros dos case 400.000 que suporá o investimento final. Na actualidade estase a executar a nave en Campo do Mato, na parroquia de Riobó, que contará con 2.696 metros cadrados e terá capacidade para 12.447 pavos. Agardan ter rematados os traballos en outubro deste ano.
Esta orde, que conta con tres liñas de axudas volveu a abrise este ano, ampliándose o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de maio. Aumentouse a contía ata un total de 65 millóns de euros, 4,3 máis do que se executou en 2016. Así, destinaranse 40 millóns aos investimentos nas explotacións agrarias, 20 para as axudas previstas á primeira instalación de agricultores mozos, e 5 para as axudas previstas ao desenvolvemento de pequenas explotacións.

O ano pasado, a nivel provincial, destináronse 3,5 millóns de euros á incorporación de mozos á actividade agraria e 6,5 á plans de mellora, recibindo o 80% destas axudas ao Deza, onde destaca especialmente o concello de Rodeiro que obtivo case a metade das axudas desta comarca, “con 20 novas incorporacións a explotacións en 2016, cunha axuda da Xunta que superou lixeiramente o millón de euros, e se aprobaron 24 subvencións para plans de mellora, cun total de 2,6 millóns de euros”.

O obxectivo destas achegas é mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas para facelas máis rendibles e competitivas, avanzar cara a un adecuado dimensionamento e equilibrio dos factores de produción das explotacións agrarias, seguir impulsando o rexuvenecemento do sector, fomentar o emprego e contribuír a manter a poboación no rural.

O delegado territorial aproveitou a visita a esta explotación para recordar que este ano as cifras de incorporación de mozos “romperon as estatísticas” xa que se agarda superar a media anual en preto dun 90%. Dende o 2007 a media era de 326 incorporacións o ano e nesta ocasión chegouse ás 618. De feito, houbo que ampliar o orzamento ata os 24,3 millóns de euros para dar resposta a todas elas. Ademais, 582 explotacións melloraron as súas instalacións e impulsouse o desenvolvemento de 32 pequenas granxas.

Ademais de bater o récord de axudas por beneficiario, tanto na liña para a incorporación de mozos coma nos plans de mellora de explotacións agrarias, cada agricultor mozo recibiu unha media de 40.000 euros, case o dobre do que se viña concedendo. E cada plan de mellora foi apoiado con 62.000 euros, case o triplo que a media histórica.

José Manuel Cores Tourís destacou que o perfil do mozo que se queda no agro ou volve ao campo cambiou moito nos últimos tempos, xa que “o rural xa deixou de ser a última opción de mozos sen estudos. Agora é xente nova, homes e mulleres formados, emprendedores cunha alta sensibilidade medioambiental”. De feito, segundo as estatísticas, os solicitantes de axudas como a que hoxe visitaron, dedícanse o 38% ao sector lácteo, o 20% ao vacún de carne e o 42% a outros sectores produtivos como aves, porcos, viñedos ou invernadoiros.

“Dende a Xunta”, insistiu Cores Tourís, “un dos obxectivos prioritarios que perseguimos é fixar poboación no rural” e para iso é preciso contar cun agro moderno e con servizos. “De feito, estas axudas levarán aparellado a obrigatoriedade de asistir a un curso de formación que ofrece a consellería, salvo no caso de que o beneficiario xa dispoña dun título superior. Deste xeito garántese unha mellora dos coñecementos dos novos gandeiros e agricultores”, rematou José Manuel Cores Tourís.

9 de maio de 2017 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.