publicidade hoxe

Convócase o premio Otero Pedrayo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A partires de mañá, e durante un período de tres meses, poderanse presentar as candidaturas para optar ao Premio ‘Otero Pedrayo 2017′. Este premio, de carácter autonómico e anual, é convocado cada ano por unha das catro Deputacións, correspondéndolle a actual convocatoria ao ente provincial de Pontevedra. O galardón, dotado con 16.000 euros, ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria de persoas egrexias no campo das letras e do coñecemento; premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega; e promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

As bases determinan que poderán optar a este premio as persoas naturais nacidas ou residentes na Galiza ou con cumprida raizame nela; os grupos de traballo radicados na Galiza ou constituídos para promover a cultura galega; e as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e o mantemento da cultura galega. A opción do premio determinarase a través dunha candidatura que poderá ser presentada de cinco formas diferentes: calquera persoa física ou xurídica no seu propio nome; as entidades académicas e culturais galegas respecto dos seus membros; calquera dos presidentes e presidentas das deputacións provinciais, a proposta das respectivas comisións de Cultura; a Xunta de Galicia, oída a Consellería correspondente; e o mesmo xurado do premio, unha vez constituído.

O xurado constituído emitirá o seu ditame no mes seguinte ao día no que remate o prazo de presentación de candidaturas. En dito xurado estarán representadas institucións como a Xunta de Galicia, as catro Deputacións provinciais, as tres Universidades, a Real Academia Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria designadas pola Xunta e polas deputacións.

A bases do Premio ‘Otero Pedrayo 2017′, ademais de publicarse hoxe no BOPPO, tamén se difunden a través dos boletíns oficiais de A Coruña, Lugo e Ourense, no DOG e nos diarios de máis difusión da comunidade autónoma.

29 de maio de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.