publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Conecta Fiction recibe 70 proxectos internacionais de series de televisión para as sesións pitching

Setenta proxectos de series e miniseries televisivas de América Latina, Europa e Estados Unidos responderon á convocatoria de Conecta Fiction, encontro internacional de coprodución que terá lugar en na capital galega do 21 ao 23 de xuño, para a selección das 10 propostas que serán presentadas nas súas sesións pitching.

Esta será unha das actividades centrais do programa profesional da primeira edición do evento, promovido pola Xunta de Galicia, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, baixo a produción de Inside Content. O seu obxectivo é desenvolver un espazo propicio para o descubrimento de novos talentos e proxectos, así como para a procura de financiamento cara á posta en marcha de coproducións internacionais. Ao tempo, compartirase co público unha serie de actividades lúdicas que darán conta do peso deste sector no marco das industrias culturais.

Os responsables de medio centenar de produtoras e cadeas de televisión interesadas en investir en coproducións teñen xa confirmada a súa asistencia ao evento, que arrancará cunha gala de apertura na noite do 20 de xuño. Así, este primeiro encontro de coprodución de ficción televisiva en fala hispana, entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos congregará en Galicia marcas tan coñecidas como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, Radio Televisión Española, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras.

A organización agarda reunir máis de 350 profesionais de toda Europa e América, entre os que se atopará persoal directivo de canles e plataformas televisivas, produtoras, distribuidoras, empresas inversoras, creativos e novos talentos, empresas de servizos, asesorías xurídicas e axentes de vendas.

16 de maio de 2017 | 16:56 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario