publicidade hoxe

Balseiro destaca a mellora de infraestruturas como “clave para manter a actividade económica e a poboación no medio rural”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXove
A-
A+
Balseiro na visita a Xove

Balseiro na visita a Xove

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que a mellora de infraestruturas e servizos “é clave para manter a actividade económica e a poboación no medio rural”, polo que o Goberno autonómico “realiza un importante esforzo inversor neste eido”.

Balseiro visitou en Xove as obras executadas ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal, cun investimento de 59.488 euros, que supuxeron o arranxo de vías de acceso a parcelas agrarias dos núcleos de Labradela e Carballás. Estivo acompañado polo alcalde do municipio, Demetrio Salgueiro.

No caso de Labradela, a Consellería do Medio Rural actuou sobre un tramo de preto de 1,3 quilómetros de lonxitude, cunha anchura variable de entre 4 e 4,30 metros. En Carballás reparouse tamén un camiño de 820 metros cun ancho de entre 2,80 e 4 metros. En ambos casos as actuacións consistiron na substitución do pavimento -con aglomerado en quente-, a mellora da drenaxe e a limpeza de cunetas, así como o pintado e marcado das vías.

O plan marco, que terá continuidade este ano, recolle como obxectivo principal ampliar, mellorar ou manter os camiños municipais que faciliten o acceso a explotacións agrarias, o que incide nunha maior comodidade para os traballos agrícolas e tamén nunha maior seguridade para o tráfico en xeral. Por iso, apuntou Balseiro, “é importante tanto desde o punto de vista agrogandeiro como social”.

Durante o pasado ano, segundo explicou o delegado, este programa achegou un investimento de máis de 900.000 euros nos concellos da Mariña. “O obxectivo xenérico deste plan, que se complementa co amplo conxunto de iniciativas que desenvolve a Xunta no medio rural, é mellorar as condicións de vida dos residentes e atraer á poboación nova” afirmou.

3 de maio de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.