publicidade hoxe

As obras de mellora e reorganización de rúas no núcleo urbano de Miño rematarán antes do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao Concello de Miño. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na visita ao Concello de Miño. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Miño, Ricardo Sánchez, supervisou hoxe as obras de mellora e reorganización de varias rúas do núcleo urbano que se iniciaron no mes de febreiro e están xa moi avanzadas, polo que estarán rematadas antes do verán.

Estas actuacións son froito do convenio de colaboración que Xunta e Concello asinaron en agosto do ano pasado co obxectivo de dotar aos veciños de rúas máis transitables, máis accesibles e tamén máis seguras. Neste sentido, o Concello de Miño elaborou o documento técnico e tamén é o encargado de executar as obras, financiadas polo Goberno galego cunha achega estimada de preto de 155.000 euros.

As obras consisten fundamentalmente nunha mellora das beirarrúas e da accesibilidade, así como acondicionamento da calzada en tres rúas da Vila. Esta intervención vén sumarse á realizada fai dous anos na rúa Granada, que o Goberno galego financiou con 160.000 euros.

Vázquez Mourelle subliñou que este tipo de proxectos demostra a total disposición da Xunta a colaborar cos concellos cando se trata de impulsar actuacións que redundan en beneficio dos veciños, incrementando a seguridade viaria, favorecendo a mobilidade a pé e facendo que as rúas onde se concentran os principais servizos sexan máis transitables e máis accesibles.

Características técnicas

No que se refire ás actuacións que se están a executar, concretamente na rúa Galea, os traballos consisten na renovación das beirarrúas, para incrementar o seu ancho e facelas máis cómodas para os peóns, xa que eran estreitas e estaban deterioradas. Tamén se levará a cabo a rehabilitación do firme ao longo de 270 metros, na mellora da iluminación e a ordenación do aparcadoiro público.

Na contorna da igrexa de Santa María, proxectouse unha rampla adaptada á normativa en materia de accesibilidade, eliminando o paso existente, cunha pendente bastante elevada. Estes traballos requiriron da demolición do pavimento e da execución dun pequeno muro de contención de pedra.

Na rúa Real, a mellora tamén se centra na renovación das beirarrúas, colocando un novo pavimento de lastro de granito nunha lonxitude duns 120 metros.

16 de maio de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.