publicidade hoxe

As Feiras do Libro chegan a Ourense cunha ampla oferta editorial dunhas 30 actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

As Feiras do Libro de Galicia 2017 chegan a Ourense a partir de mañá e ata o 4 de xuño, días nos que se ofrecerá unha ampla selección dos últimos títulos publicados e unha variada programación que inclúe preto de 30 actividades para a dinamización da lectura entre o público adulto e a xente miúda.

“Durante as próximas xornadas, os libros serán os protagonistas na cidade que viu nacer a Carlos Casares, no marco dunha edición das feiras que se presenta baixo o lema A ledicia de ler, en homenaxe ao autor ao que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2017”, lembrou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da feira.

Contacontos, obradoiros infantís e espectáculos musicais son algunhas das propostas da nova edición da Feira do Libro de Ourense, que contará, entre outras, coas presentacións de José Ángel Valente. Cántigas de alén (Ouvirmos), nunha edición a cargo de Claudio Rodríguez Fer; de Unha verdade amarga (Galaxia), de Celia Díaz; de Os donos das cinsas, de Benigno Yáñez (XVII Premio Risco de Creación Literaria); de Cartas da fronteira, de Xurxo Alonso (XXXII Premio de Poesía Cidade de Ourense); de Clara e o rapto do solpor, de José Julio Fernández; e de Max e Lea (Hércules), de Estefanía Padullés.

Dinamizar a lectura e o comercio do libro

“Con esta promogramación das Feiras do Libro de Galicia que vimos ofrencendo desde o pasado mes de marzo e que se desenvolverá ata o mes de agosto nun total de 16 concellos das catro provincias, o Goberno galego e a Federación de Librarías de Galicia –co apoio dos respectivos concellos que acollen estas citas culturais– temos como principais obxectivos, por unha banda, achegarlles a lectura a grandes e pequenos con actividades atractivas que esperten o seu interese polos libros, como fonte de lecer e de coñecemento”, afirmou Anxo Lorenzo.

“Por outra banda –engadiu–, queremos seguir dinamizando o comercio interior do libro”. En cada cita, segundo explicou, “contamos coa participación de librerías locais e procedentes de diferentes puntos de Galicia, que nos ofrecen a os títulos máis recente nos principais espazos públicos das nosas vilas e cidades, coma a rúa do Paseo de Ourense, que vai ser o escenario desta nova cita cos libros e coa lectura”.

As librerías Pedreira, Arigató, Cortizas, Zampacontos, Nobel Burela, Espazo Lector Nobel, A Nova, La Viuda, Platero e Kathedra trasladarán á rúa do Paseo unha ampla oferta editorial para os visitantes da feira, que estará aberta en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas e, de tarde, de 18:00 a 22:00 horas, agás o día de apertura, que abrirá unicamente pola tarde.

A sede da Confederación Empresarial de Ourense acolleu a rolda de prensa de presentación da rolda, na que tamén participaron o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a concelleira de Cultura e Educación do Concello de Ourense, Belén Iglesias; e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García.

Calendario das Feiras do Libro de Galicia

Logo do seu paso por Verín, por Ferrol, por Santiago de Compostela, polo Porriño e por Lugo, e tras a súa celebración en Ourense, as Feiras do Libro de Galicia 2017 chegarán a Redondela do 8 ao 11 de xuño e posteriormente estarán en Ribeira, do 22 ao 25 de xuño; en Vigo, do 29 de xuño ao 8 de xullo; en Rianxo, do 20 ao 23 de xullo; en Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; e en Ponteareas, do 27 ao 30 dese mesmo mes. En agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival. O calendario completo pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/axenda

30 de maio de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.