publicidade hoxe

Ábrese o prazo para anotarse no programa de conciliación de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, contou esta mañá os detalles do programa de verán que cada ano organiza o seu departamento para facilitar a conciliación laboral das familias.

O Programa Municipal de Conciliación Escolas de verán celebrarase nos CEIPs Raíña Fabiola e Fontiñas, cun total de 100 prazas divididas entre ambos centros. No caso de que un deles tivese maior demanda que o outro ampliaríanse as súas prazas. O programa desenvolverase os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño; todo o mes de xullo e os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O horario será de 7:45 a 9:00 horas se os nenos e nenas se apuntan ao servizo de madrugadores, de 9:00 a 14:00 horas cos obradoiros e actividades, e de 9:00 a 16.00 horas no caso de anotarse ao servizo de comedor escolar.

Os obxectivos do programa de conciliación pasan por promover actividades que favorezan a diversión, creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades de lecer e tempo libre, promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; e coñecer o entorno que nos rodea.

O prazo de inscrición está aberto dende este luns e ata o vindeiro 29 de maio, podendo facerse cubrindo o impreso de solicitude e entregándoo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago ou no Rexistro Auxiliar situado no CSC do Ensanche. Haberá un desconto do 20% para quen acredite ser familia monoparental, numerosa e cando participen dous irmáns ou irmás no programa. Ademais, contémplase un desconto do 50% ou do 100% para familias con escasos recursos.

Escolas infantís

O concelleiro tamén deu conta dos obradoiros de verán que se levarán a cabo nas tres escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Os destinatarios son nenos e nenas empadroados no Concello que cursen 2º ciclo de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos.

Os horarios dos obradoiros son de 10:00 a 14:00 horas durante os meses de xullo e agosto completos e días soltos de xuño e setembro. Ofrécese a posibilidade de solicitar servizo de almorzo de 9:00 a 10:00 horas e servizo de comedor de 14:00 a 15:00 horas. Tamén se ofrecen horas a maiores entre as 7:30 e as 10:00 horas, así como entre as 14:00 e as 16:00 horas.

O número total de prazas é de 45, distribuídas en 15 para cada escolar. O prazo para anotarse a este programa empeza hoxe e remata o 29 de maio. Pode facerse no Rexistro Central ou Auxiliar do Concello.

15 de maio de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.