publicidade hoxe

A Xunta reitera o seu compromiso coa recuperación do barrio lucense da Tinería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
José Manuel Balseiro na rolda de prensa

José Manuel Balseiro na rolda de prensa

A Xunta de Galicia reiterou hoxe o seu firme compromiso coa recuperación do barrio da Tinería, emprazado no casco histórico da cidade de Lugo, onde o Goberno galego prevé intensificar as iniciativas e investimentos para a súa posta en valor e rehabilitación.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa, onde fixo balance do esforzo realizado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a recuperación deste emblemático espazo e onde avanzou tamén algunha das liñas mestras do que ten previsto facer a administración autonómica nos vindeiros meses e anos.

“Un país que quere ter futuro, debe saber sacar partido dos símbolos do seu pasado, e nesa liña, para mellorar a Tinería, debemos ser capaces de sumar esforzos todos, tamén todas as administracións, para revitalizar e encher de vida este barrio”-dixo Balseiro, quen tamén explicou que moitas das actuacións están pendentes de recibir a licenza municipal correspondente.

“Actuaremos na rehabilitación da Tinería por compromiso coa nosa historia, farémolo tamén pensando en dar novos folgos ao sector da construción e achegar novas actividades ao barrio e, incluso porque é un desafío social: a recuperación pode ser ese primeiro impulso necesario para que este barrio volva atraer novos veciños”- insistiu Balseiro.

Antecedentes

Na rolda de prensa explicouse que no ano 2001, iniciase o proceso de rehabilitación do barrio da Tinería, que se atopaba nun grave estado de deterioro. En primeiro lugar, foi necesario adquirir os inmobles un proceso moi complexo que se demorou no tempo como consecuencia da coexistencia de múltiples propietarios (nalgunhas vivendas máis de 20) e pola dificultade de análise da propiedade, con herdanzas indivisas ou titulares descoñecidos ou incluso fóra de España.
Previsións

Balseiro explicou tamén que Xunta intensificará, en liña coa recuperación económica, o esforzo inversor no tocante á rehabilitación de edificios, que comprende tanto as actuacións de recuperación de inmobles deteriorados para que reúnan os requisitos de funcionalidade, seguridade e a habitabilidade, como a rexeneración urbana.

O delegado territorial lembrou que recentemente saíu a licitación a obra da Tinería, 15 para un total de 5 vivendas, por un importe de 815270, unha actuación que non se limita a rehabilitar o edificio actual, senón tamén a amplialo e urbanizar o espazo contiguo. Neste espazo, a Xunta licitou a rehabilitación a un prezo por metro cadrado inferior nun 50% ás licitadas pola Consellería de Vivenda durante o bipartito. Daquela chegou a pagarse 1969,17 euros por metro cadrado construído, mentres que hoxe se licita a un prezo de 997,76 euros por metro cadrado construído, aínda que o prezo que finalmente se pague será inferior a dita contía polas baixas que ofrezan as empresas que concorran á licitación.

Está previsto igualmente a rehabilitación dos edificios Tinería, 30, Recanto do Miño, 11-13 e Recanto do Miño, 17 para un total de 4 vivendas. Os proxectos atópanse en fase de licitación e pendentes dous deles da obtención da licenza municipal.

En relación ao PERI da Unidade de Intervención número 8 atópase aprobado o documento urbanístico e redactado o proxecto básico para 11 novas vivendas e 5 locais. Este espazo é o contiguo ao Pazo de Doña Urraca. Respecto deste edificio, está pendente de concretar o seu futuro uso, ben polo concello ou por outro organismo, xa que non se pode destinar a vivendas.

Polo que respecta á Unidade de Intervención 7, tras o Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, estase a tramitar o documento urbanístico que se presentará no Concello pois foi necesario a súa readaptación á actual Lei do solo. O IGVS ten un aproveitamento aproximado nesta unidade de intervención, de 30 vivendas e 6 locais comerciais, que pode variar tras os estudos arqueolóxicos.

“A Xunta non abandona en ningún momento a idea de adquirir e rehabilitar novos edificios que na actualidade se atopan en estado ruinoso e nin os propietarios nin o Concello toman medidas para a súa recuperalos” – dixo Balseiro.

O delegado territorial lembrou finalmente que o Goberno galego está a realizar importantes esforzos no ámbito normativo e que, de feito, no último Consello da Xunta, dábase conta da intención de aprobar a primeira Lei de rehabilitacións de Galicia.

8 de maio de 2017 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.