publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta reformará a avenida de Celanova de Xinzo de Limia segundo os criterios técnicos de seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXinzo de Limia
A-
A+

A Xunta de Galicia reformará a Avenida de Celanova, en Xinzo de Limia, de acordo cos criterios técnicos de seguridade viaria . Así o trasladou hoxe en comisión parlamentaria o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, quen concretou que o Goberno galego investirá máis de 460.000 euros na actuación neste treito da estrada autonómica OU-531, cuxa licitación foi publicada polo Diario Oficial de Galicia o pasado 20 de marzo.

Este proxecto responde ás necesidades de mellorar a seguridade viaria nun treito da estrada de 350 metros, nunha zona parcialmente urbanizada e edificada, nas que o Concello solicitou, ademais da reordenación da estrada, outras actuacións: o acondicionamento e renovación do saneamento pola marxe dereita; a reordenación e renovación do alumeado; e a resolución dos problemas de encharcamento.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou que as árbores afectadas polo proxecto pertencen a unha especie alóctona e carecen de figuran de protección algunha, supoñendo, sen embargo, un factor de risco importante. Así, detallou que, pola súa situación na estrada diminúen a seguridade viaria pola súa proximidade á circulación de vehículos, o que supón un obstáculo ante unha saída de vía.

Ademais, o espazo entre ás árbores é de 5,5 m. de ancho, espazo insuficiente para dous carrís de circulación en condicións de seguridade, polo que se proxecta ampliar os carrís e para isto é preciso retirar as árbores. Na actualidade non hai beirarrúa na marxe dereita da estrada e o Concello solicitou que o proxecto permitise mellorar a mobilidade urbana e a accesibilidade, e o espazo requirido para unha beirarrúa está ocupado, en parte, polas árbores.

Ademais, a capacidade de drenaxe da auga de choiva da calzada está limitada pola inexistente recollida de augas pluviais na marxe dereita e a necesidade de evacuar as augas pluviais implica mellorar as pendentes do firme e instalar sumidoiros en diversos puntos nos que están as árbores.

O sistema radicular das árbores estímase dun tamaño similar ao das súas copas e está a producir desperfectos nas beiravías, nas conducións de servizos urbanos e na plataforma da estrada, co potencial perigo que iso supón para as persoas usuarias da estrada.

Sinalou, tamén, que a existencia de tres pasos de peóns fai necesario mellorar a súa visibilidade e na actualidade hai árbores que están na liña de visión entre os condutores e os peóns.
Finalmente, destacou que no propio proxecto licitado se prevé a implantación dunha zona axardinada, con novos exemplares de árbores e arbustos.

2 de maio de 2017 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.