publicidade hoxe

A Xunta propiciou que medio cento de persoas do Concello de Brión atopasen traballo durante o ano pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o concello de Brión, onde mantivo un encontro co rexedor, Xosé Luís García, para coñecer os asuntos onde ambas administracións poden colaborar nos vindeiros meses.

Rodeiro destacou que Brión é dos concellos máis beneficiados polas políticas activas de emprego da Xunta de Galicia en 2016. Neste senso, lembrou que neste municipio, xunto co de Ames, organizáronse dous obradoiros de emprego, nos que participaron un total de 35 alumnos-traballadores. Os ciclos impartidos corresponden ás especialidades de montaxe e mantemento de instalacións caloríficas, e pavimento e albanelería de urbanización, cun investimento conxunto de 310.000 euros.

Ademais, o delegado tamén informou de que outras doce persoas atoparon traballo con outros programas de fomento do emprego: dúas perceptoras da Risga, outras dúas para o fomento do emprego no medio rural, seis para o fomento do emprego autónomo e dúas máis cos incentivos á contratación para empresas e entidades, o que supuxo axudas por un valor total de 65.000 euros.

En canto ás infraestruturas, Ovidio Rodeiro destacou que a mesa de contratación da Axencia Galega de Infraestruturas estuda durante estes días as ofertas presentadas polas diferentes empresas para a construción dunha senda peonil na estrada AC-543, no tramo entre a urbanización Monte Devesa e a aldea de Buio, que contará cun investimento base de 330.000 euros, polo que se agarda que o proxecto poida comezar en breve.

Así mesmo, a Xunta de Galicia tamén levou a cabo as obras de substitución dos materiais da cuberta do CEIP de Pedrouzos en Brión, que dá resposta a unha demanda da dirección e da ANPA do centro educativo por mor de filtracións puntuais de auga que tiña o tellado do colexio. As obras executáronse cun orzamento de preto de 65.000 euros e foron instaladas novas cubertas continuas, que teñen a vantaxe de ir totalmente pegadas á base e así minimizar tanto as xuntas como os efectos do vento, mellorando por tanto o seu illamento.

30 de maio de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.