publicidade hoxe

A Xunta oferta máis de 9300 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís na provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
José Manuel Rey Varela na visita á escola infantil de Elviña. Foto: M. Fuentes

José Manuel Rey Varela na visita á escola infantil de Elviña. Foto: M. Fuentes

A Xunta pon a disposición dos pais e nais 9340 prazas públicas ou financiadas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos na provincia da Coruña, o que supón case o 42% do conxunto das catro provincias. Soamente na cidade herculina as prazas sostidas con fondos públicos ascenden a 1596.

Son datos aos que se referiu esta mañá o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante a visita á escola infantil de Elviña, onde reiterou o compromiso do Goberno galego de continuar co despregue dos recursos de conciliación en toda Galicia. Ao respecto, Rey Varela indicou que a vindeira semana farase pública a listaxe provisional de admitidos nas 22.439 prazas para o próximo curso escolar que oferta a rede autonómica de escolas para nenos e nenas menores de 3 anos, unha cifra que sitúa a ratio de cobertura da comunidade autónoma nun 38% e case catro puntos por riba da aconsellada pola Unión Europea.

Nesta liña, lembrou que o último Consello da Xunta vén de aprobar a nova convocatoria do Bono Concilia, axuda directa ás familias que ten por obxecto contribuír a sufragar o custo dunha praza en escolas privadas a aquelas que non obtiveran praza nun centro con financiamento público ou que residan en concellos onde non hai un recurso deste tipo sostido con fondos públicos. “A finalidade é conseguir que todos os pais e nais que soliciten unha praza para a atención dos seus fillos a obteñan e que, ao igual que o curso pasado, non exista lista de espera”, apuntou o conselleiro.

A Consellería de Política Social destina máis de 3,4 millóns de euros a esta nova edición do programa Bono Concilia, do que se beneficiaron o ano pasado máis de 2.500 familias galegas que recibiron unha achega que oscilou entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros para as máis baixas.

Ademais, a convocatoria deste ano, que se publicará no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana, presenta importantes novidades na procura de chegar a un maior número de beneficiarios. Entre outras: habilítase a posibilidade de conceder a achega a nenos con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria, ábrese a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción con posterioridade ao prazo de presentación das solicitudes e por primeira vez contémplase tamén o cambio de concello, de residencia ou de traballo da unidade familiar. Así mesmo, mantense a posibilidade de que opten ao Bono Concilia aquelas familias nas que as dúas persoas proxenitoras traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que con dereito a praza pública esta non lles resolva as súas demandas de horario.

O conselleiro manifestou que “ademais de seguir consolidando o xa feito, imos a reforzar as políticas sociais dirixidas a conciliación e a atención á primeira infancia”. Neste sentido, avanzou que os obxectivos desta lexislatura pasan incrementar en dous puntos máis a ratio de cobertura en escolas infantís ata chegar ao 40% e por consolidar iniciativas como as Casas Niño, a apertura de escolas infantís en contornos empresariais ou o novo Bono Coidado. “Queremos que Galicia siga sendo unha das comunidades con maiores atencións ás familias e á infancia”, concluíu.

3 de maio de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.