publicidade hoxe

A Xunta licita a ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación da segunda fase das obras no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia (Vigo). Con esta intervención rematarase a ampliación deste centro educativo, que suporá en total un investimento de máis de 3 millóns de euros e a creación de 450 prazas escolares. As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 10, obxectivo específico 10.05.01.

O importe de licitación da actuación correspondente á fase 2 ascende a 1.612.831,51 euros, tal e como pode comprobarse no enlace. O prazo de execución da obra será de 9 meses.

A ampliación deste CEIP permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, co fin de dar resposta ao incremento do alumnado do centro en máis dun 25% nestes 5 últimos anos e a previsión de crecemento futuro. Polo tanto, crearanse 450 novas prazas escolares.

A obra desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas, xa en execución, constrúese un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns, aseos, porches e pistas polideportivas, cun importe de adxudicación de 1.529.440 €.

Pola súa banda, a segunda fase suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas – 9 deles polivalentes, 1 de música e outra de informática- de educación primaria e 7 de apoio, así como para aseos e almacéns. Ademais, nesta segunda fase realizaranse algunhas melloras, froito do estudo das actuais instalacións do edificio, tales como a reforma dos aseos adaptados ou o acondicionamento dos accesos exteriores.

4 de maio de 2017 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.