publicidade hoxe

A Xunta inviste 600.000 euros na rehabilitación de dúas novas edificacións no casco vello de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá as novas edificacións que o organismo público está a rehabilitar no barrio histórico da cidade. O primeiro dos edificios, composto por catro vivendas, localízase en Subida ao Castelo, 12; o segundo, sito en Subida Costa número 5, dispón dunha vivenda e un local na planta baixa.

Esta última intervención do Consorcio Casco Vello, integrado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, suporá un investimento de preto de 600.000 euros, tal e como salientou o representante do Goberno galego, ao tempo que indicou que a intención do organismo é seguir adquirindo inmobles. “O obxectivo é recuperar a fachada do Berbés, abandonada desde hai moitos anos e na que urxe actuar”, dixo. Ao fío, López-Chaves recordou que a Xunta, a través do CCVV, “merca edificios en ruínas, rehabilítaos e moitos deles son premiados desde o punto de vista arquitectónico”. O delegado aproveitou a ocasión para destacar a alta demanda rexistrada de familias que queren vivir no barrio histórico e de comerciantes que solicitan arrendar algún dos locais dispoñibles e que nestes momentos cifrou en tres.

Boa mostra disto é o sorteo celebrado a pasada semana na que se adxudicaron seis vivendas de protección autonómica, dous en Ferrería 10-12 e as outras catro no número 45-47 da mesma rúa, e que rexistraron 41 demandantes en conxunto. Ata o de agora a Administración autonómica desembolsou máis de 44 millóns de euros na recuperación do Casco Vello que deron coma resultado a rehabilitación de máis de 100 vivendas e 30 locais comerciais ademais de facilitar a instalación de diferentes institucións coma o Rexistro da Propiedade, o servizo de Notificacións ou a sede da Universidade de Vigo. Na actualidade, atópanse en fase de estudo ou adxudicación os proxectos de Ferrería 8 e Cruz Verde 8.

11 de maio de 2017 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.